Mons. Francisco Prieto chama a "amar sen condicións" na solemne celebración do Xoves Santo na Catedral de Santiago

  • En Xoves Santo, o arcebispo de Santiago recorda que o amor verdadeiro nace na Eucaristía e concrétase no servizo aos demais: “O Señor amounos ata o extremo, sen límites nin condicións”.
  • “O xesto de Xesús lavando os pés non é un símbolo do pasado, senon unha chamada presente e urxente a amar con xestos concretos, con tenrura, con compaixón”: palabras de mons. Prieto no Xoves Santo.
  • Mons. Prieto: “Deixémonos lavar os pés por Aquel que se fixo servo de todos, e aprendamos tamén nós a servir e amar sen condicións”
A Catedral de Santiago de Compostela acolleu esta tarde a solemne celebración da Cea do Señor, presidida polo arcebispo, monseñor Francisco Prieto. Con este acto litúrxico, a Igrexa inicia o Triduo Pascual, o período máis importante do calendario cristián, no que se conmemora a paixón, morte e resurrección de Cristo.
Na homilía o arcebispo convidou a todos os presentes a vivir este tempo litúrxico con autenticidade, desde a entrega, o servizo e a fraternidade. O prelado destacou na forza transformadora do amor de Cristo, un amor sen condicións, que brota do corazón mesmo de Deus e que alcanza a súa máxima expresión na entrega total de Xesús: “Un amor extremo porque é un amor entregado. Un amor sen límites… porque non hai límite para un amor tan grande cuxa fonte está no corazón mesmo de Deus”.
Neste sentido, lembrou que a Eucaristía non é só un rito, senón unha vivencia real do amor de Deus entre nós. “Non é un camiño ritual, é un camiño vital que nos implica e nos vincula con Aquel ao que queremos seguir como discípulos”, afirmou, subliñando que en cada celebración eucarística “o Señor se fai pan repartido, pan partido, pan compartido para a vida do mundo”.
Un dos momentos máis emotivos da celebración foi o lavatorio dos pés, no que o arcebispo repetiu o xesto de Xesús cos seus discípulos. Na súa explicación deste signo, lembrou que lavar os pés non é só unha acción simbólica, senón un acto de humildade e de servizo radical. “Lavarvos entre vós os pés”, citou de novo, explicando que este xesto “purifica, renova…” e que na vida cotiá tradúcese en consolar, acoller e acompañar o próximo: “Neste camiño da vida, non podemos pasar desapercibidos uns para outros. Temos que sentir que somos, nesa fraternidade á que o Señor nos convoca, compañeiros de camiño”.
Monseñor Prieto advertiu tamén sobre os desafíos do mundo actual, marcado pola polarización, a indiferenza e a fragmentación. Fronte a iso, instou os cristiáns a redescubrir a fraternidade como camiño de sanación e de compromiso: “Non perdamos o sentido do fundamental. Non nos deixemos perturbar por tantos muros que ás veces se queren construír… Tantas pontes que, no canto de tenderse, destrúense. Que non nos pase desapercibido ese xesto do lavatorio dos pés tan significativo”.
Así mesmo, lembrando a Misa Crismal do pasado martes na que os presbíteros renovaban as súas promesas, fixo referencia ao don do sacerdocio como ministerio de entrega e servizo: “O don do sacerdocio recibido como un tesouro na fraxilidade das nosas vidas. O Señor confióunolo… Para que partamos non do noso pan, senón de Cristo mesmo, pan dos irmáns”.
O arcebispo terminou a súa homilía cunha invitación para vivir este Xoves Santo como unha oportunidade para renovar o compromiso cristián desde a Eucaristía: “Desde o amor que nace na Eucaristía, desde o amor que nos leva ata o extremo de non poñer límites, sexamos capaces de amar como El nos amou”. E engadiu: “Que esteamos dispostos a servirnos, que esteamos dispostos a amarnos sen condicións… Amar e servir teñen sempre o rostro concreto daquel que está próximo”.
Despois da misa, o Santísimo Sacramento quedou reservado no Monumento para a súa adoración, convidando á oración e á meditación.
Na celebración de hoxe ponse o foco en tres acontecementos que teñen a súa orixe na Derradeira Cea: a institución da Eucaristía, a institución da Orde Sacerdotal e o e o mandamento do Señor sobre a caridade fraterna. Por iso a Iglesia celebra o Xoves Santo o día do Amor Fraterno.
Mañá, Venres Santo, o arcebispo presidirá ás 18:00 hs. a celebración da Paixón do Señor na Catedral de Santiago.
Previous articleO Arcebispo de Santiago sobre a Semana Santa: "O relato da Paixón é contemporáneo e amósanos que cabe sempre a esperanza"
Next articleD. Francisco acompaña o Santo Via Crucis no cárcere de Teixeiro