Mons. Barrio recorda que "A paixón do Señor é un misterio de amor"

  • O arcebispo de Santiago de Compostela presidiu esta tarde a celebración da Paixón do Señor

A Catedral de Santiago acolleu este Venres Santo a cerimonia litúrxica da Paixón do Señor presidida polo arcebispo, monseñor Julián Barrio. Tras a lectura da Paixón, na homilía, o arcebispo dixo que “este Venres Santo contemplamos a cruz que se alza en cada situación de sufrimento e vivimos a morte de Xesús desde a fe que nos achega esperanza e acougo e é signo dun amor que é máis forte que a morte”.

Mons. Barrio sinalou que “celebrar a paixón é abrirnos á gran tribulación que hoxe se está vivindo na historia tomando parte cos que sofren e lavando o noso vivir no sangue do año. A paixón do Señor é un misterio de amor. O Fillo entrégase a se mesmo por amor ao Pai”.

O prelado compostelán continuou dicindo que “no Crucificado segue presente o Deus oculto. Coa súa imaxe desfigurada fundamenta a nosa esperanza: Deus está á beira de persoa ferida en calquera circunstancia”. E engadiu: “Cristo sálvanos co seu amor e a súa obediencia. Mirando a Cristo na cruz nada falta: Deuno todo. Mirando a través dos ollos mesmos de Xesús á humanidade vemos que aínda falta moito: envolvidos nos nosos egoísmos, non estamos a dar todo por El e polos irmáns. O home segue sendo un ser doente que debe seguir coa súa cruz a Cristo, e axudar a levar a cruz aos demais: os migrantes, os refuxiados, as persoas maltratadas, os enfermos, os anciáns que viven a soidade, os cristiáns perseguidos e os desesperanzado”.

O arcebispo de Santiago terminaba a homilía con estas palabras: “Acompañemos nesta tarde o silencio e a dor de María, achegándonos a recoller o corpo de Cristo coa saba branca da nosa compaixón para que un día tamén nós nos vexamos envolvidos na saba branca da súa misericordia á espera do gozo da resurrección”.

Previous articleNa Misa Crismal monseñor Barrio recorda que “a actividade pastoral queda sen froito e perde eficacia se non agroma dunha profunda e íntima unión con Cristo”
Next articleNormativa ante as novas medidas derivadas do fin do uso obrigatorio da mascariña