A Arquidiocese de Santiago súmase á cadea de oración pola viaxe do Papa a España

  • O arcebispo, mons. Francisco José Prieto Fernández, presidiu a Eucaristía na Catedral de Santiago e invitou a “alzar a mirada” e escoitar a voz do Bo Pastor.
  • As familias pediron paz, unidade e renovación espiritual ante a chegada do Pontífice.
Ás 12.00 horas deste domingo 26 de abril, o arcebispo mons. Francisco José Prieto Fernández presidiu na Catedral de Santiago de Compostela unha solemne Eucaristía, enmarcada na cadea de oración impulsada pola Conferencia Episcopal Española con motivo da próxima visita do Papa León XIV, prevista do 6 ao 12 de xuño.
Con esta celebración, a Igrexa que peregrina en Santiago uniuse a outras dioceses españolas nunha iniciativa espiritual que comezou o pasado 12 de abril, coincidindo coa festividade da Divina Misericordia. O obxectivo común é pedir polos froitos da visita do Pontífice, entendida como un momento clave para a renovación da fe, a unidade eclesial e o impulso misioneiro.
Durante a celebración, no momento da ofrenda, os delegados de Pastoral para a Familia e a Vida, Ana Robles e Antonio Gutiérrez, presentárona en nome das familias da arquidiocese e elevaron unha oración ante o Apóstolo Santiago, na que expresaron a súa esperanza ante a próxima visita do Papa León XIV a España.
Na súa pregaria, pediron de xeito especial pola paz, tanto a nivel privado como internacional e reclamaron unha maior sensibilidade ante o sufrimento causado pola violencia.
A oración incluíu tamén un compromiso claro cos máis vulnerables, destacando a necesidade de traballar polo ben común, a xustiza e a dignidade de toda persoa. Neste sentido, os delegados pediron que a visita do Pontífice sexa “un fermento de reconciliación” que impulse á sociedade para traballar unida en favor dos empobrecidos, os débiles e os marxinados.
A ofrenda incorporou unha petición dirixida ao propio Papa: a posibilidade de que no futuro realice unha visita apostólica a Santiago de Compostela.
Durante a homilía, e tomando como punto de partida a pasaxe do Evanxeo de San Xoán no que Cristo se revela como o Bo Pastor, mons. Prieto exhortou aos fieis para recuperar o valor da escoita na vida cristiá. “Cando camiñamos desorientados ou desanimados, necesitamos volver escoitar a voz do Pastor que nos chama polo noso nome”.
O prelado vinculou esta chamada co lema da visita papal, “Alzade a mirada”, interpretándoo como unha invitación para superar unha visión reducida da realidade. Segundo explicou, a sociedade actual corre o risco de quedar atrapada en preocupacións inmediatas que impiden recoñecer horizontes máis amplos. E alzar a mirada, é “recuperar o sentido do camiño e descubrir cara a onde queremos ir”, sinalou.
O arcebispo tamén alertou sobre a influencia de discursos que xeran confusión e división. Neste sentido, advertiu sobre “voces que prometen moito e baleiran o corazón”, así como sobre mensaxes que fomentan o enfrontamento. Fronte a iso, insistiu na necesidade de centrar a vida en Cristo, “o único Pastor” que guía con verdade e ofrece sentido pleno.
A xornada coincidiu, ademais, coa celebración da oración polas vocacións, o que permitiu reforzar a idea de que cada persoa está chamada de xeito único e persoal. Neste sentido, mons. Prieto subliñou que a vocación é unha chamada concreta que se vive na vida cotiá e animou aos fieis para responder con xenerosidade desde a súa propia realidade, xa sexa na familia, no traballo ou na vida consagrada.
Finalmente, o arcebispo destacou a importancia de vivir este tempo previo á visita papal como unha oportunidade de renovación interior. Invitou os fieis a abrir o corazón á acción de Deus e a deixarse transformar pola súa graza, lembrando que a fe non é unha simple expectativa, senón unha resposta activa; “Confiar non é inxenuidade, é responder á chamada do Señor con responsabilidade”.
Así mesmo, destacou o papel do Papa como sucesor de Pedro e signo de unidade na Igrexa universal. Subliñou que a súa visita ten como obxectivo “confirmar na fe” os crentes e fortalecer a comuñón entre as distintas dioceses. Neste senso, animou os fieis para intensificar a oración para que as palabras de León XIV “iluminen e fortalezan” a vida cristiá en España.

 

Previous articleXornadas Nacionais de Pastoral de Turismo en Madrid con participación da diocese de Santiago
Next articleOito adultos reciben os sacramentos de Iniciación Cristiá na Colexiata de A Coruña