Eucaristía pola visita do Papa

  • O domingo 26 de abril ás 12h na catedral compostelá
O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidirá o vindeiro domingo 26 de abril, na Catedral de Santiago, unha Eucaristía ofrecida polos froitos da visita do Papa a España, prevista entre os días 6 e 12 do próximo mes de xuño.
A celebración contará coa participación da Escolanía da Catedral e do Coro Cardenal Quiroga, que acompañarán musicalmente a liturxia.
León XIV estará en Madrid, Barcelona e as illas de Tenerife e Gran Canaria. A viaxe ten como lema Alzade a mirada, tomado do Evanxeo de santo Juan (4, 35).
Con motivo desta visita, a Subcomisión da Conferencia Episcopal para a Familia e a Defensa da Vida proponlles ás delegacións episcopais a celebración de eucaristías e vixilias de oración.
Unha cadea de oración
O obxectivo é crear unha cadea de oración na que participen as familias. Para iso proponse unha oración sinxela que as familias poden rezar nos seus fogares.
Como acto máis público, invítase os fieis a participar o domingo 26 de abril nunha vixilia, que se pode convocar en calquera parroquia. Nela reflexionarase ao redor de catro cuestións: Alzade a mirada a exemplo de María, alzade a mirada á Cruz, Queda connosco e Artesáns de Acollida. Cada capítulo está iluminado cun texto bíblico e unhas preguntas para a oración e a meditación.
O domingo 26 de abril
Cada dioceses ten marcado un día para a celebración destes actos. Ao arcebispado de Santiago correspondeulle o domingo 26 deste mes de abril. Nesa data, na catedral, mons. Francisco José Prieto presidirá unha eucaristía ás 12h. Pero desde a Conferencia Episcopal invítannos a celebrar eucaristías ou vixilias de oración en todas as parroquias nas que sexa posible.
Para visibilizar a cadea de oración, publicarase nas redes sociais un mapa de España que inicialmente aparecerá en negro. A medida que pasen os días asignados a cada diocese o mapa irase alumando ata que, ao finalizar a iniciativa, estea completamente iluminado.
Na carta publicada pola CEE con motivo da viaxe apostólica do sucesor de Pedro, os nosos bispos invítannos “a todos os fieis a preparar esta visita con oración, conversión e dispoñibilidade interior. Que en cada dioceses creza un clima de acollida e participación, e que este tempo sirva para fortalecer a vida sacramental, o espírito misioneiro e a fraternidade entre comunidades”.
Os nosos bispos expresan tamén o seu desexo de que “a presenza do Santo Padre deixe froitos de fe, unidade e renovación misioneira”.

Vixilia de oración. Visita León XIV

Rezar en familia

Subsidio para a Eucaristía

 

Previous articleReunión de traballo de arciprestes e vicearciprestes
Next articleUniversitarios celebran a Noite XS