Universitarios celebran a Noite XS

  • A cuarta edición reúne á comunidade universitaria.
  • O arcebispo chama a vivir a Pascua como compromiso coa vida e a paz.
  • A xornada completouse cunha visita cultural e catequética.
O mércores 15 de abril, ás 21.00 horas, tivo lugar na Catedral de Santiago de Compostela unha Eucaristía dirixida especialmente a universitarios para celebrar a Pascua universitaria, no marco da denominada “Noite XS”, unha iniciativa que alcanza xa a súa cuarta edición.
Este encontro, promovido pola Delegación para as Universidades e a Cultura e a Delegación para a Infancia e a Mocidade da Diocese de Santiago, conta ademais coa participación activa das residencias universitarias de identidade relixiosa, celébrase tras a Semana Santa e antes do inicio do período de exames.
A celebración estivo presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e concelebraron o deán da Catedral, Manuel J. Formoso; o delegado para as Universidades e a Cultura, Ricardo Sanjurjo; o delegado para a Mocidade, Javier García; así como outros sacerdotes.
Durante a homilía, o arcebispo dirixiu unha mensaxe aos mozos centrado no valor da vida como don e misión, subliñando a responsabilidade de coidala e compartila desde a esperanza cristiá. Así mesmo, destacou a Pascua como un tempo de renovación interior, invitando a deixar atrás os medos e a vivir desde a liberdade dos fillos de Deus.
Na súa intervención, tamén fixo referencia á necesidade de traballar pola paz, tanto nun contexto global marcado por conflitos como nas relacións persoais, apelando ao compromiso individual para construír unha convivencia máis fraterna.
A Eucaristía tivo un marcado carácter comunitario, poñendo en valor este encontro como espazo de acción de grazas, onde os mozos comparten inquietudes, preocupacións e tamén motivos de alegría nun momento clave do curso académico.
A xornada continuou tras a celebración litúrxica cunha visita cultural e catequética á Catedral, guiada pola comunidade de Pedras Vivas de Santiago de Compostela. Durante o percorrido, os participantes puideron profundar na historia e o significado espiritual do templo, con especial atención a elementos como o Pórtico da Gloria, o sepulcro do Apóstolo Santiago ou o tradicional xesto do abrazo ao Apóstolo.
A Noite XS concluíu cunha invitación aos universitarios para vivir a Pascua con gozo e compromiso, como testemuñas dunha vida renovada que está chamada a compartirse cos demais.
Previous articleEucaristía pola visita do Papa
Next articleO arcebispo preside a Eucaristía de graduación de Medicina cunha mensaxe centrada no coidado da vida