- O arcebispo no Domingo de Ramos: “Que o Evanxeo sexa vivencia compartida, non só palabra escoitada”.
Ás seis da mañá do domingo, un equipo composto por 31 membros da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas iniciou a confección dunha alfombra floral na praza da Quintana.
Este colectivo, coñecido pola súa excelencia na creación de alfombras durante a festividade do Corpus Christi, utilizou exclusivamente materiais naturais como túa, eucalipto, semente de acedeira, caraveis… O deseño incorporou detalles elaborados con semente de eucalipto e corazón de millo cortado en toros, mostrando un despregamento de tradición e creatividade.
A procesión da Borriquiña, unha das máis concorridas da Semana Santa, culminou coa bendición de ramos e palmas por parte do arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto, desde A Quintana.
Tras a bendición, celebrouse a Misa Estacional na Catedral, presidida por o arcebispo de Santiago. Na homilía convidou os fieis a vivir a Semana Santa como unha oportunidade de introspección e transformación persoal: “Permitídeme convidarvos a que esta semana Santa sexa como un peregrinar polos paisaxes da alma. Que este tempo litúrxico sexa un camiño onde o Señor percorra as nosas vidas, renovando a esperanza que vén daquel que, crucificado, celebraremos resucitado”.
Destacou a humildade e o servizo como valores esenciais no seguimento de Cristo, lembrando a súa entrada en Xerusalén montado sobre unha borriquiña: “Ese é o Señor ao que acompañamos hoxe, non como o que vén ser servido, senón como aquel que serve. Non hai amor máis grande que o de quen dá a vida polos seus amigos”. Neste contexto, convidou os fieis a reflexionar sobre o sacrificio e a entrega como camiño cara á plenitude espiritual.
O prelado compostelán tamén profundou sobre as contradicións e adversidades que enfronta o ser humano, reflectíndoas no camiño da cruz: “A verdade padece, pero non perece”, afirmou, lembrando que Xesús, aínda sendo insultado e rexeitado, mantivo a súa mensaxe de reconciliación e amor.
Convidou os fieis a enfrontar as súas propias cruces con compaixón e solidariedade, evocando a figura de Simón de Cirene e as mulleres que acompañaron a Cristo no seu sufrimento: “Que non falte a compaixón no noso camiño, nin as mans que sosteñen cando as forzas fraquean”.
Finalmente, o arcebispo animou aos presentes para abrir os seus corazóns e deixarse transformar pola mensaxe de Cristo: “Deixar que o Señor procesione polas vosas vidas, que o Evanxeo no sexa só palabra escoitada, senón vivencia compartida. Abramos as portas do noso espírito e deixemos que el faga morada en nós”.