Don Julián invita os diocesanos a rezar polos misioneiros e a colaborar pastoral e economicamente coas misións

A Igrexa celebra este domingo, día 23 de outubro o día do Domund, a tradicional festa misioneira na que se pide oración polos misioneiros e apoio económico aos fieis para o labor que desenvolven. Nesta ocasión, o papa Francisco indica que os tres fundamentos da vida e da acción misioneira son: “Para que sexades as miñas testemuñas”, “ata os confíns da terra” e “o Espírito Santo virá sobre vós e recibiredes a súa forza”.

Con este motivo, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, enviou unha carta pastoral aos diocesanos na que anima a “ser misioneiros e testemuñas, conscientes de que a identidade da Igrexa é evanxelizar, anunciando a vida, morte e resurrección de Cristo por amor a Dios Pai e aos homes”.

Na súa carta, o arcebispo compostelán recorda que a oración, sendo a primeira forma de misión, na misión evanxelizadora ha de estar acompañada pola acción caritativa-social “xerando procesos de discernimento cristián sobre as condicións das pobrezas materiais e espirituais, e sobre os anhelos e reivindicacións dos pobres, alentando o espírito de caridade, proxectándonos cara á sociedade co anuncio e os xestos proféticos, como luz posta no candieiro, e tratando de vivir un amor activo e concreto con cada ser humano”.

O arcebispo pide tamén coñecer mellor a Sagrada Escritura “como Palabra de Deus para anunciar a Xesucristo con obras e palabras na vida cotiá”.

As colectas que se fagan nos templos neste domingo dedicaranse ás Obras Misionais Pontificias.

 

Previous articleHomenaxe a mons. Julián Barrio na XXX Asamblea Xeral Ordinaria de Cáritas Diocesana
Next articleArzobispado de Santiago e Abanca subscribiron un convenio financeiro