O Arcebispo recorda no DOMUND que «ser cristián é ser misión, é ser anuncio do Evanxeo»

Todas as parroquias da Arquidiocese de Santiago de Compostela celebraron este domingo, 18 de outubro, o DOMUND, no ano en que a Xornada Mundial das Misións cumpre o seu centenario. A celebración diocesana tivo lugar na parroquia de San Xoán de Ortoño, onde o arcebispo, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu a eucaristía das 12.15 horas, acompañado polo párroco, José Luis Dorelle Iglesias, e coa presenza da delegada diocesana de Misións, Fátima Noya Varela.
Baixo o lema «Un en Cristo, unidos na misión», a xornada reuniu as comunidades ao redor da oración polos misioneiros e ao compromiso de colaborar co seu labor. Na súa homilía, o arcebispo lembrou que esa responsabilidade alcanza a todos os bautizados e exprésase tamén na familia, na escola e nas relacións de cada día.
Monseñor Prieto agradeceu á parroquia a acollida desta celebración e dirixiu unhas palabras de recoñecemento a toda a comunidade, desde os nenos ata os maiores, pola súa fe, o seu amor e a súa esperanza. Tivo un recordo especial para os misioneiros e misioneiras nacidos na diocese compostelá, unidos ás súas comunidades de orixe a través da oración e a comuñón eclesial.
O centenario do DOMUND serviu para lembrar unha historia de solidariedade coa misión da Igrexa en numerosos países. O arcebispo sinalou que a distancia xeográfica non impide sentirse preto de quen anuncia o Evanxeo e acompañan a comunidades con necesidades concretas, desde un teito ou un lugar de descanso ata un traballo e espazos onde celebrar a fe.

A xornada recolle tamén a invitación do papa León XIV a soster as misións coa oración e a axuda material. Desde a súa experiencia misioneira no Perú, o pontífice lembra na súa mensaxe o valor dunha colaboración que permite apoiar proxectos pastorais, educativos e sanitarios.
Ao profundar no lema deste ano, o arcebispo explicou que a identidade cristiá nace dunha chamada privado de Deus, recibida no bautismo. Ser cristián, sinalou, non pode reducirse a unha rutina ou a un conxunto de prácticas: supón vivir unido a Cristo e compartir a boa noticia do Evanxeo.
«Ser cristián é ser misión», afirmou. Esa vocación non queda limitada o domingo nin ao ámbito parroquial, senón que acompaña a cada persoa durante toda a semana. En casa, no colexio e nos demais espazos de convivencia, a fe atopa unha forma concreta de facerse presente.
Para transmitila, insistiu, resulta fundamental o testemuño de vida. A amizade con Xesús anúnciase tamén no xeito de tratar aos demais, de coidar os vínculos e de responder as súas necesidades.
A partir da pasaxe evanxélica sobre o tributo ao César, monseñor Prieto lembrou que a vida é un don de Deus que esixe coidado, dignidade e respecto. Vinculou esa responsabilidade coa fraternidade e cos compromisos que os cristiáns asumen como membros da sociedade.

Fátima Noya Varela
Nun diálogo próximo cos máis pequenos, trasladou esa reflexión a xestos sinxelos: agradecer os pais, abrazar aos avós ou pedir perdón despois dunha discusión. Lembrando un ensino do papa Francisco, destacou tres expresións capaces de mellorar a convivencia: «por favor», «grazas» e «perdón».
Pedir con respecto, recoñecer o cariño recibido e reconciliarse con quen está ao lado son tamén formas de vivir a misión. Desde Ortoño, o arcebispo invitou as comunidades parroquiais a facer desas accións cotiás unha expresión do amor de Deus e da unión cos misioneiros e misioneiras de todo o mundo.
Previous articleA pastoral xuvenil de Santiago propón un outono de encontros, oración e experiencias de fe