A Delegación de Pastoral Penal e Cáritas Diocesana invitan as parroquias da Arquidiocese de Santiago a celebrar o Día Diocesano de Pastoral Penal o vindeiro domingo 27 de setembro. A convocatoria invita a acompañar e ter presentes na oración as persoas privadas de liberdade, as súas familias e a quen traballa ou colaboran no Centro Penal de Teixeiro.
A xornada nacional ten lugar o 24 de setembro, festividade da nosa Señora da Mercé, baixo o lema «Non son os meus erros». En Santiago, a celebración trasládase ao domingo seguinte para facilitar a participación das comunidades parroquiais.
Unha mirada ao futuro que non quede marcada polo pasado.
A campaña deste ano parte dunha mensaxe: «O pasado non condena o futuro». Desde esta perspectiva, invita a recoñecer a dignidade de cada persoa e a acompañar as súas posibilidades de cambio, reconciliación e regreso á vida en sociedade.
O subsidio litúrxico recolle as palabras que o papa León XIV compartiu cos presos e presas de Briáns I na súa recente visita ao noso país.
A proposta implica tamén a toda a comunidade cristiá, á que anima a acoller a quen recupera a liberdade e a combater a exclusión social. O acompañamento exponse así como unha tarefa que continúa máis aló dos muros da prisión.
Proximidade coas persoas presas, as súas familias e as vítimas.
A xornada terá presentes as persoas privadas de liberdade, as súas familias e as vítimas, xunto cos capeláns e o voluntariado que desenvolven o seu labor no ámbito penal. Os materiais lembran o valor de escoitar, acoller e soster a quen atravesa estas situacións, axudándolles a recoñecer que a súa vida ten valor e que non están sos.
As peticións da celebración inclúen de forma expresa ao Centro Penal de Teixeiro e ao Centro de Inserción Social da Coruña, así como a todas as persoas que viven e traballan neles.
Tamén se pide polas familias, para que non se sentan soas nin estigmatizadas, poidan manter os seus vínculos e atopen apoio para afrontar as feridas e avanzar cara á reconciliación. A oración reclama, ademais, oportunidades reais de cambio e unha sociedade capaz de ofrecer novas posibilidades a quen as necesita.
Materiais e propostas para participar desde as parroquias.
Para facilitar a celebración, Pastoral Penal e Cáritas Diocesana ofrecen un subsidio en galego cunha monición inicial, unha oración dos fieis e unha acción de grazas que pode recitarse despois da comuñón.
A Delegación ponse tamén ao dispor das parroquias interesadas en contar coa súa presenza nalgunha xornada ou reunión. As comunidades poden concretar estas iniciativas a través do correo pastoralpenitenciaria@archicompostela.org.

 

Así mesmo, invítase ás parroquias que poidan facelo a destinar a colecta dese domingo ás actividades de Pastoral Penitenciaria ou a colaborar mediante outras achegas.

Previous articleO Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago» inaugurou o curso académico 2026-2027
Next articleO arcebispo pediu responder con fe, comuñón e perdón á profanación do sagrario durante a Misa de desagravio en Noia