O Centro Penal de Teixeiro acolleu unha celebración do Nadal marcada pola proximidade, a esperanza e o compromiso da Igrexa coas persoas privadas de liberdade.
O arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco José Prieto Fernández, visitou a prisión para compartir con internos e internas, voluntarios e equipos profesionais unha xornada especialmente significativa nestas datas.
A jornadacomenzó cun encontro co equipo de voluntariado da pastoral penal, ao que o arcebispo quixo dirixir unhas palabras de agradecemento e ánimo polo seu servizo constante. Na súa intervención lembrou que a misión da Igrexa no ámbito penal nace da esperanza que brota da Cruz de Cristo, unha esperanza que sostén e dá sentido ao acompañamento pastoral nas situacións de maior dificultade.

Ás 11 da mañá celebrouse a Eucaristía no salón do centro, unha cerimonia vivida con profunda emoción e recollemento polos participantes. Ao finalizar, o arcebispo saudou persoalmente os asistentes e entregou varios exemplares dos Evanxeos, como signo de que a Palabra de Deus segue abrindo camiños de luz e dignidade en todos os contextos.
A xornada continuou coa visita a distintos módulos do centro. No módulo 12, de réxime ordinario, realizouse a entrega dos agasallos preparados por Cáritas e a Pastoral, un xesto sinxelo pero cheo de humanidade e proximidade. Posteriormente visitouse o módulo 1, de respecto e carácter mixto, sempre acompañado polo director do centro, a subdirectora de tratamento e profesionais do ámbito educativo e social.
Antes de concluír a visita, o arcebispo mantivo un breve encontro cos equipos técnicos, a quen agradeceu expresamente o seu traballo diario ao servizo das persoas internas.
Unha vez máis, a Igrexa fixo visible na prisión de Teixeiro que o Nadal é anuncio de esperanza, tamén para quen vive situacións de maior vulnerabilidade.












