Os voluntarios e voluntarias da Pastoral Penitenciaria das dioceses galegas celebraron a súa xornada de fin de curso no Mosteiro de Oseira, Ourense, nun encontro marcado pola convivencia, a reflexión e a acción de grazas polo camiño compartido durante este ano.
A xornada comezou cun achegamento á vida monástica cisterciense da man do P. César, monxe da comunidade, quen ofreceu un valioso testemuño sobre a espiritualidade, a oración e o traballo que caracterizan a vida deste mosteiro. Posteriormente, os participantes tiveron a oportunidade de unirse á comunidade monástica na celebración da Hora Tercia, compartindo un momento de oración e recollemento.
Tras a visita, o grupo gozou dun xantar fraterno, nun ambiente de proximidade e convivencia. A xornada concluíu cun espazo para compartir experiencias, inquedanzas e anhelos, poñendo en común os retos e as esperanzas que acompañan a misión da Pastoral Penitenciaria.
Rematamos o encontro compartindo de novo a oración de Vésperas coa comunidade
Este encontro serviu para agradecer o compromiso de tantas persoas voluntarias que, ao longo do ano, acompañan ás persoas privadas de liberdade, facendo presente a mensaxe de Xesús no ámbito penitenciario.
Coa mirada posta no vindeiro curso, a Pastoral Penitenciaria retomará a súa actividade en setembro para seguir acompañando, anunciando a Boa Nova e sensibilizando á sociedade sobre a realidade das persoas privadas de liberdade.












