- Unha misa do peregrino e un concerto de música sacra barroca, co Orfeón e a Orquesta Terra a Nosa, abrirán mañá xoves dúas xornadas de diálogo entre representantes do ámbito académico, empresarial, institucional e eclesial.
O IV Encontro Igrexa-Empresarios 2026, organizado polo Arcebispado de Santiago de Compostela baixo o título “A civilización occidental”, dará comezo mañá, xoves 5 de novembro, cunha programación que combinará a celebración relixiosa, a música e un espazo de convivencia entre os participantes.
Os actos de apertura comezarán ás 19.30 horas coa celebración da Misa do Peregrino na igrexa de Santo Agostiño, en Santiago de Compostela, no marco dunha cita que reunirá durante dúas xornadas a representantes do ámbito académico, empresarial, institucional e eclesial para reflexionar sobre as raíces e os desafíos actuais da civilización occidental.
A programación continuará ás 21.00 horas cun concerto no Museo Diocesano, situado na igrexa de San Martiño Pinario, a cargo do Orfeón Terra a Nosa e a Orquestra Terra a Nosa, baixo a dirección de Luís Martínez.
O repertorio ofrecerá un percorrido pola música sacra do Barroco, con obras de Giovanni Legrenzi e Antonio Vivaldi. O concerto abrirase con Se v’offre il mondo e il senso, de Legrenzi, e continuará con tres composicións de Vivaldi: Laetatus Sum RV827, Beatus vir RV598 e o coñecido Gloria RV589.
O Orfeón Terra a Nosa, fundado en 1966 por Manuel Feijoo, celebra este ano o seu 60 aniversario. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un importante labor de difusión e recuperación do patrimonio musical galego, alén de participar en proxectos de repertorio sinfónico-coral e ópera. Pola súa banda, a Orquestra Terra a Nosa, integrada por intérpretes profesionais vinculados na súa maioría ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago, constituíuse como parte deste proxecto musical e cultural.
A xornada finalizará ás 22.00 horas cun cóctel de confraternidade na Hospedería de San Martiño Pinario, que ofrecerá un espazo de encontro e intercambio entre os asistentes.
Os actos do xoves servirán de apertura ao programa central do IV Encontro Igrexa-Empresarios, que se desenvolverá o venres 6 de novembro con diferentes relatorios e unha mesa redonda ao redor da ética, as institucións, a Doutrina Social da Igrexa, a familia, a empresa, a razón e a identidade cultural de Galicia en Occidente.
Programa musical IV Encontro Iglesia-Empresarios (PDF)







