Un innovador proxecto, impulsado por Cáritas Diocesana de Santiago, a Pastoral Penal, o Centro de Inserción Social (CIS) e o propio centro educativo, permitiu a mocidade de 16 e 17 anos convivir e colaborar semanalmente con internos nunha contorna segura, educativa e profundamente humana.
O Colexio Santa María do Mar acolleu esta experiencia pioneira de voluntariado social que uniu, durante o últimos sete meses, a alumnado e profesorado de 1º de Bacharelato e a persoas privadas de liberdade do CIS Carmela Díaz de Rábago.
Durante máis de 6 meses, nove estudantes e oito internos compartiron actividades centrada en hábitos de vida saudable, coñecemento crítico de realidades sociais e, sobre todo, a romper prexuízos.
“O noso obxectivo é axudar a construír unha sociedade baseada na igualdade, a confianza e o traballo en equipo, poñendo ás persoas e as súas circunstancias no centro”, afirman as entidades organizadoras.
A iniciativa comezou cun obradoiro de cociña económica e saudable, que serviu como punto de partida para xerar vínculos. Posteriormente, os propios participantes deseñaron e levaron a cabo visitas a tres barrios da Coruña, elixidos pola súa diversidade socio-urbana. Estas saídas permitiron reflexionar en común sobre o acceso desigual aos servizos básicos e sobre a pluralidade de estilos de vida na cidade.
Como resultado final, elaborouse unha exposición fotográfica que retrata —a través da mirada dos participantes— as distintas realidades sociais detectadas durante o proceso. A exposición reflicte o impacto do proxecto non só na aprendizaxe, senón tamén na mirada que cada un ten do outro.
Dado o interese espertado, o proxecto será presentado publicamente o vindeiro mércores 4 de xuño ás 19:30 h no Centro Fonseca (Rúa Fonseca, 8. A Coruña). No acto, aberto a toda a cidadanía, compartiranse testemuños, imaxes e reflexións sobre esta experiencia transformadora.
As entidades implicadas destacan que esta iniciativa, baseada no encontro entre mundos aparentemente afastados, contribuíu a romper estigmas, xerar conciencia crítica e sementar compromiso social entre os máis novos.
Fonte: Cáritas Diocesana













