Audiencia do Papa ao Arcebispo de Santiago para presentar o proxecto do Ano Santo Compostelán 2027

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, foi recibido en audiencia privada polo papa León XIV o pasado luns, 5 de xaneiro, nun ambiente de cordial acollida.
Durante a audiencia, o arcebispo presentou ao Santo Padre un completo dossier sobre o Ano Santo Compostelán 2027, un documento que ofrece unha visión global e estruturada do que supón a celebración xubilar en Santiago de Compostela. O proxecto aborda o Ano Santo non só como un acontecemento de gran afluencia de peregrinos á Catedral, senón como un auténtico itinerario de espiritualidade, acollida e compromiso que implica a toda a diocese e proxéctase ao ámbito internacional.
O dossier expón as tres grandes dimensións que articulan a experiencia do peregrino: a dimensión litúrxica e sacramental; a dimensión pastoral e de acollida; e a dimensión cultural, educativa e social. A partir deste enfoque, detállanse propostas e liñas de traballo en ámbitos como a liturxia, os plans pastorais, a comunicación e as estratexias de difusión, a acción social a través de Cáritas, a organización do voluntariado, as actividades culturais e académicas, así como o financiamento das distintas iniciativas previstas.

Así mesmo, o documento subliña a dimensión universal do Ano Santo mediante a implicación da Archiconfradía Universal do Apóstolo Santiago, as confrarías vinculadas, a peregrinación de relicarios e a colaboración activa de arciprestados, movementos diocesanos e comunidades parroquiais en todas as fases de preparación e celebración.
Entre as iniciativas destacadas atópase a Peregrinación Europea da Mocidade, considerada un referente pastoral para a mocidade e estreitamente vinculada ao Camiño de Santiago e á tradición xubilar compostelá. Baixo o lema «Mocidade, levántate e sé testemuña. O Apóstolo Santiago espérate», a última edición celebrouse en agosto de 2022 e reuniu a miles de mozos de diversos países europeos. No marco do Ano Santo 2027, contémplase a posibilidade de organizar unha nova edición deste encontro, que permitiría renovar a proposta pastoral dirixida á mocidade e reforzar o seu vínculo coa experiencia da peregrinación xacobea.
O arcebispo trasladou tamén ao Papa a invitación formal a peregrinar a Santiago de Compostela en 2027, con motivo do Ano Santo. O encontro supuxo un importante respaldo ao camiño de preparación do Xubileu, que se concibe como unha oportunidade para profundar na fe, a acollida e o compromiso social, e para ofrecer ao mundo a riqueza espiritual, cultural e humana que brota da tradición xacobea.
Previous articleReunión das Delegacións de Pastoral Vocacional de Galicia
Next articleConfirmacións en Santa María de Simes