- Estará presidida polo arcebispo compostelán, mons. Francisco José Prieto
- O 31 de decembro na parroquia coruñesa da Resurrección do Señor (Monelos)
A eucaristía central con motivo da festa da Sagrada Familia celebrarase este ano o domingo 31 de decembro, o día propio. Presidida polo arcebispo compostelán, mons. Francisco José Prieto, trasládase nesta ocasión ata a parroquia coruñesa da Resurrección do Señor, no barrio das Flores. Apóstase así, por expreso desexo do arcebispo compostelán, por descentralizar esta festa, que tradicionalmente se desenvolvía na catedral de Santiago.
Este ano o lema escollido desde a Subdelegación de Familia e Vida da Conferencia Episcopal é “Familia, portadora da boa noticia”. Un lema que nos lembra que a familia é o primeiro lugar de evanxelización, o ámbito privilexiado no que debe resoar o primeiro anuncio.
Desde a Delegación de Pastoral Familiar animamos a todos os fieis da nosa arquidiocese para acompañar a mons. Francisco José Prieto o domingo 31 ás 12’30 da mañá para celebrar xunto ao noso pastor a solemnidade que nos lembra que Deus se encarnou, naceu e creceu no seo dunha familia.
A Igrexa convídanos tamén a vivir esta celebración desde o gozo que só pode proporcionarnos a fe, conscientes de que “a alegría do amor que se vive nas familias é tamén o xúbilo da Igrexa (Amoris laetitia 1).
Co papa Francisco, suplicamos a Deus coa oración que pecha precisamente a Amoris laetitia: “Santa Familia de Nazaré, fai tomar conciencia a todos do carácter sagrado e inviolable da familia, da súa beleza no proxecto de Deus.
Esperámosvos!












