San Xiao de Vea rendeu hoxe homenaxe a don Xesús Mayo Brenlla coa presentación de Xesús Mayo Brenlla. Un cura rural, unha obra de Pepe Bustelo que percorre a traxectoria do sacerdote e a pegada que deixou nas comunidades ás que dedicou máis de seis décadas da súa vida.
O acto celebrouse ás 18.00 horas no local social de San Xiao de Vea e puxo en valor unha historia privado estreitamente ligada á memoria das parroquias de San Xiao de Vea, Baloira, San Xurxo de Vea e Frades.
O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quixo acompañar a don Xesús nesta xornada de homenaxe, dedicada a recoñecer a súa entrega pastoral e o vínculo que mantivo cos veciños ao longo de máis de seis décadas. A súa presenza sumouse ao agradecemento por unha vida de servizo ás parroquias, marcada polo acompañamento ás persoas, o coidado do patrimonio e o impulso de iniciativas que contribuíron a fortalecer a vida comunitaria.
Unha vida dedicada á fe e ao coidado das persoas.
Nado na Baña en 1933, don Xesús Mayo Brenlla chegou ao Val do Vea en 1963. Durante estes 63 anos de servizo na zona, o seu labor sacerdotal estivo estreitamente vinculado á vida cotiá das parroquias: acompañar ás persoas, fortalecer a unión veciñal e impulsar iniciativas que contribuísen ao progreso das súas comunidades.
A súa traxectoria comprende centos de actuacións socioculturais e económicas, xunto co traballo pastoral. Esa dedicación permite recoñecer na súa historia algo máis que unha biografía individual: tamén o percorrido duns veciños que compartiron con el proxectos, necesidades e esforzos ao longo de máis de seis décadas.
A obra reúne en 235 páxinas textos e numerosas fotografías de momentos significativos da vida parroquial. A través dese material, reconstrúe a traxectoria do sacerdote e recolle parte da memoria colectiva das comunidades ás que serviu, con especial atención á pegada que deixou en San Xiao de Vea e Baloira.

Un libro para conservar a memoria das parroquias.
O libro nace cunha dobre finalidade, por unha banda o recoñecemento persoal, e por outra banda a conservación desa historia compartida. Segundo explica o seu autor, é ao mesmo tempo unha biografía, unha homenaxe, un testemuño do patrimonio restaurado e un xeito de deixar constancia do destino dos recursos empregados.
O legado dun cura rural.
Don Xesús conservou un rexistro minucioso da súa actividade. Esa documentación permite coñecer as iniciativas desenvolvidas, as intervencións realizadas no patrimonio parroquial e os recursos económicos destinados a cada proxecto.
Cada familia recibiu un exemplar do libro como agasallo. A publicación pon así en mans dos veciños unha historia da que tamén forman parte: a dun sacerdote rural que uniu o seu ministerio ao acompañamento das persoas e ao coidado das súas parroquias.












