Onte martes 31 de xaneiro celebrouse o acto conmemorativo de San Tomé de Aquino no Instituto Teolóxico Compostelán. A celebración comezou ás 18:00 coa Santa Misa presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela D. Julián Barrio acompañado do seu bispo auxiliar D. Francisco Prieto na capela do Seminario Maior de Santiago de Compostela. A ela asistiron o Reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez, o director do Instituto Teolóxico Compostelán José Antonio Castro Lodeiro así como outros profesores, seminaristas e alumnos, tanto do mesmo centro como tamén do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas.
A continuación, xa na aula Magna do centro de estudos, o Dr. D. Xosé Luís Pastoriza Rivas, presentado pola Dr. Dna. Rocío Carolo, ditou unha conferencia titulada “Xaime Isla Couto: un militante Cristián galeguista”. Unha magnífica presentación sobre o fundador da “Federación das Mocidades Galeguistas” (1932), membro dos equipos de traballo do “Seminario de Estudos Galegos” (1935-1936), e secretario técnico do “Partido Galeguista na clandestinidade” (década de 1940), que representa, xunto con Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, a continuidade co galeguismo da “Xeración Nós” así como a cerna humana da tarefa da Editorial “Galaxia” para garantir a transmisión xeracional da conciencia galega. O Dr. Pastoriza dedicou longos anos de investigación a esta ilustre figura, a cal, en pouco máis dunha hora, foi presentada aos asistentes desde un punto de vista conciliador, pois como os seus ideais revolucionarios na súa mocidade, convertéronse en chamadas á paz tras a Guerra Civil. Durante a conferencia presentouse a Xaime Isla como unha persoa profundamente católica e piadosa, unha cara, quizais, pouco coñecida polos alí presentes.
Felicidades ao Dr. Xosé L. Pastoriza polo seu traballo de investigación, e grazas a todos aqueles que fixeron posible a celebración do Patrón dos estudantes, un ano máis.