A catedral de Santiago converteuse, na tarde do martes 25 de novembro, nun espazo de recordo, consolo e responsabilidade compartida. Ás 19:30 horas tivo lugar unha eucaristía dedicada ás vítimas de accidentes de tráfico, unha celebración organizada polo Departamento de Pastoral da Estrada da Diocese de Santiago, encabezado por Rubén Diéguez Gutiérrez, e pola Delegación de Pastoral do Turismo, cuxo responsable é Juan Ventura Martínez Reboeiras.
A celebración estivo presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen estivo acompañado por sacerdotes e membros do cabido da Catedral.
Entre os asistentes atopábanse representantes da Garda Civil, así como diversas asociacións que traballan na prevención de sinistros viarios e no apoio ás familias afectadas, entre elas Stop Accidentes e Acción de Amputados de Galicia. Tamén acudiron as xefas provinciais da Dirección Xeral de Tráfico da Coruña e Pontevedra.
Un encontro marcado pola memoria e a esperanza
O arcebispo, na súa homilía, quixo subliñar a importancia deste espazo de acollida no que se unen fe, consolo e compromiso social.
Lembrou que na Catedral, “expresión da Igrexa maior da nosa Igrexa diocesana”, a comunidade reuníase para facer memoria “de irmáns nosos dramaticamente arrebatados en accidentes de estrada”. E engadiu que, aínda que a dor pola perda é inmenso, a fe ofrece “unha luz e unha esperanza para o camiño”, mesmo cando non hai respostas fáciles.
Monseñor Prieto recorreu á pasaxe bíblica do encontro entre Felipe e o eunuco no camiño cara a Gaza para ilustrar a presenza de Deus no medio das procuras humanas. Nese acompañamento, afirmou, tamén se fai visible o labor de quen sostén s familias golpeadas polos accidentes e traballan para previr novos sinistros.
“A última palabra nunca é da morte”
En varios momentos, o arcebispo convidou a mirar máis aló da dor inmediata. Nunha das frases máis sentidas da súa homilía, lembrou que “a última palabra nunca é da morte, senón da vida”, unhas palabras que moitos asistentes escoitaron entre bágoas.
Citando o evanxeo, insistiu en que Cristo se ofrece como “Camiño, Verdade e Vida”, unha invitación para vivir a esperanza no cotián, mesmo cando a perda sacode os alicerces da propia existencia. Neste sentido, falou tamén do Pórtico da Gloria como metáfora da esperanza que agarda “tras os camiños percorridos”.
A responsabilidade na estrada, un xesto de amor ao próximo
O prelado compostelán fixo a chamada á responsabilidade na condución. Lembrou que cada xesto prudente ao volante é, en realidade, “un xesto de amor ao próximo”.
Insistiu en que a condución esixe prudencia, atención e respecto á vida de quen nos rodea, porque “a túa responsabilidade é a responsabilidade co teu irmán”.












