A capela do Pilar da Catedral de Santiago acolle durante este tempo de Nadal unha exposición conformada por cen beléns procedentes de varios países do mundo. Trátase da colección particular de María do Carmen Núñez, veciña da localidade de Rubiá, na comarca de Valdeorras, quen cedeu as pezas á Diocese de Santiago para a súa custodia e exposición.
Son representacións do Misterio do Nacemento de Xesús, procedentes de máis de 60 países diferentes de Europa, América, África e Asia. Cada un deles é unha representación da tradición particular de cada nación e están realizados cos máis diversos materiais, tales como cerámica, madeira, tea, marfil ou cristal. Está previsto que, unha vez terminada a exposición na catedral, a colección quede custodiada no Museo Diocesano.
A exposición foi bendicida esta tarde polo Arcebispo, Monseñor Francisco Prieto, a quen acompañou o Deán da Catedral, Don Manuel Jesús Formoso.












