Hoxe, domingo 2 de febreiro, a Catedral de Santiago de Compostela acolleu a celebración da festa da Presentación de Xesús no templo e a Purificación da nosa Señora, ao mesmo tempo que se celebrou o Xubileu da Vida Consagrada.
A cerimonia estivo presidida polo arcebispo emérito de Santiago Mons. Julián Barrio, acompañado do delegado Episcopal para a Vida Consagrada, D. José González González. A celebración congregou a numerosos membros da vida consagrada da diocese, encabezada por Dª. Benvida García Molinero, presidenta da Conferencia Rexional de Institutos Seculares. García Molinero destacou que: “Hoxe é un día para renovar o noso compromiso de servizo e amor na comunidade, e para agradecer a Deus pola chamada que nos fixo a cada un de nós..
Durante a súa homilía, Mons. Barrio destacou o significado da presentación de Xesús no templo, un acontecemento que chama a recibir con humildade e esperanza a luz de Cristo e fixo fincapé na necesidade de recoñecer “a nosa propia necesidade de salvación e de buscar constantemente a Deus nas nosas vidas”. Lembrou o exemplo de María e Xosé, que presentaron a Xesús no templo e atoparon aos anciáns Ana e Simeón, que recoñeceron no neno, o Salvador prometido.
Mons. Barrio expresou un profundo agradecemento aos membros da vida consagrada, que seguen a Cristo con dedicación e amor: “esta igrexa que peregrina en Santiago ten moito que agradecervos. Cada un de nós temos moito que agradecervos nesa preocupación evanxelizadora que estades a vivir conforme ao carisma co que o Señor vos chamou a cada un de vós.”
O arcebispo emérito animou os presentes a non ter medo e a confiar na graza de Deus para cumprir a súa misión:
Durante a celebración, os membros da vida consagrada da diocese expresaron gratitude e bendición por recibir en Xesucristo “a imaxe perfecta do servidor obediente, renovando o seu compromiso de procura constante da vontade de amor de Deus e de camiñar en comuñón con El e cos seus irmáns”.
Así mesmo, glorificaron ao Pai por darlles en Cristo o exemplo máis grande de entrega e proclamaron o seu empeño en vivir con sobriedade, vencer o ansia de posesión co gozo da entrega e utilizar os bens do mundo para a causa do Evanxeo e a promoción humana. Reafirmaron tamén o seu compromiso de vivir o celibato en castidade e pureza, entregándose ao amor de Deus en fraternidade e misión evanxelizadora.