Un dos lugares onde estes días de Nadal pasarán cunha certa amargura é o cárcere de Teixeiro. Pero desde a fe podemos alentar esperanzas.
Con este ánimo o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio, realizou a súa visita anual aos irmáns e irmás presas este mércores 21. Xunto a uns 150 internos acompañados do Director José Ángel Vázquez Yáñez e outros funcionarios, o Delegado episcopal de Cáritas Jesús García Vázquez, así como a Delegada de Pastoral Penal, Yolanda Sánchez e varias voluntarias e os sacerdotes que colaboran coa Capelanía, D. Julián Barrio celebrou a Eucaristía. Na homilía, o arcebispo sinalou que sempre sentiu moi acollido e acompañado na fe polos irmáns presos. Lembroulles a importancia de facer o camiño da vida acompañados para chegar máis lonxe, e de acompañar nós tamén aos demais pois todos temos moito que ofrecer: “Que non teñamos medo de mostrar a nosa luz interior e de que as nosas vidas baixo a mirada de Deus son unha preciosa obra de arte cando somos capaces de sacar o que nos sobra”.
A continuación visitou o módulo 9, de atención a internos con especiais necesidades psquiátricas onde Cáritas diocesana entregou unha T.V. agradecendo a entrega dun lote de broches para agasallo feitos nos talleres polos presos deste módulo.