O Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago» inaugurou o curso académico 2025-2026

Santiago de Compostela acolleu este xoves, 25 de setembro, a inauguración oficial do curso académico 2025-2026 do Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago», institución que agrupa aos seminaristas das dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo. O acto central foi unha solemne eucaristía celebrada na Catedral compostelá e presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, mons. Fernando García Cadiñanos. Concelebraron xunto a el o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto; o arcebispo emérito, mons. Julián Barrio; e o bispo de Tui-Vigo, mons. Antonio Valín.
O templo compostelán, que foi durante séculos punto de encontro de millóns de peregrinos, volveu converterse en lugar de comuñón eclesial, coa presenza de numerosos sacerdotes, membros do cabido, fieis e peregrinos que coincidiron na celebración.

Un camiño compartido

Durante a homilía, o prelado mindoniense evocou reiteradamente o Camiño de Santiago, presentándoo como unha metáfora do transcurso da existencia e do proceso formativo de quen se prepara ao ministerio sacerdotal. Lembrou que “a vida é un camiño, a vida é un discorrer cunha meta que sempre é o horizonte da casa do Pai”, alentando aos futuros presbíteros a vivir a súa formación con espírito de peregrinos, abertos á transformación e ao encontro.

O bispo situou aos 22 seminaristas que actualmente cursan a súa formación neste centro interdiocesano como “un resto pequeno” dentro da mocidade, pero cunha misión clara: ser referentes de esperanza no medio da sociedade: “Non nos debe entristecer a pequeñez do número, senón a fortaleza de sentirnos e de sabernos chamados”.

A humildade como punto de partida

Inspirándose na primeira lectura proclamada durante a misa, mons. García Cadiñanos destacou que toda etapa de formación debe iniciarse desde a sinxeleza e a humildade. “O camiño de formación comeza na humildade e débenos de levar á humildade”, expresou, subliñando que a misión do seminario non é unicamente instruír, senón formar corazóns capaces de acoller e servir con xenerosidade.

 

O prelado tamén puxo o acento na dimensión misioneira do sacerdocio, recalcando que a formación “só ten sentido se é para a misión”. Ante un tempo eclesial complexo, o bispo insistiu na necesidade de preparar a pastores ben formados, capaces de ofrecer luz e esperanza no medio dos desafíos da sociedade contemporánea.
Unha aposta conxunta das dioceses galegas
O Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago» naceu en 2024 froito dun acordo histórico entre as dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo. O curso recentemente inaugurado supón o seu segundo ano de funcionamento. A institución conta con 22 seminaristas acompañados por tres formadores pertencentes a cada unha destas dioceses José Antonio Castro Lodeiro de Santiago de Compostela, Ángel Carniceiro Carrera de Tui-Vigo e Juan Manuel Basoa Rodríguez de Mondoñedo-Ferrol), ademais do respaldo do profesorado e colaboradores que enriquecen a vida académica e espiritual do centro.
O bispo de Mondoñedo-Ferrol definiu este proxecto como “unha aventura de camiñar xuntos, de traballar xuntos, de ser sínodo”, e asegurou que a experiencia do primeiro curso fora “moi positiva”. Nas súas palabras, o Seminario é un exemplo de como a cooperación eclesial permite ofrecer unha mellor formación aos futuros sacerdotes, coa mirada posta en servir ao pobo de Dios con calidade e proximidade.

 

Chamada á oración e ao acompañamento
Na parte final da súa intervención, mons. García Cadiñanos dirixiu unha petición concreta aos fieis: soster aos seminaristas e sacerdotes coa oración, o apoio humano e a fraternidade. “O pobo de Dios ten que apoiar e arroupar aos nosos seminaristas e sacerdotes coa súa oración, coa súa corrección fraterna e co seu apoio humano, porque o necesitamos”, sinalou.
Finalmente, encomendou a nova etapa formativa á intercesión do apóstolo Santiago, pedindo que protexa aos seminaristas e formadores, e axúdelles a vivir a súa vocación con “nova ilusión e co ardor do amor do Espírito”.

 

Con esta celebración litúrxica, o Seminario Interdiocesano «Apóstolo Santiago» iniciou oficialmente un novo curso académico que, máis aló das aulas, representa un compromiso conxunto das dioceses galegas coa renovación da vida sacerdotal e coa formación integral de quen respondeu á chamada do Evanxeo.

 

Previous articleAcordo de colaboración institucional entre a Fundación Catedral e o Meadows Museum
Next articleRoma acolle os catequistas da Diocese de Santiago no seu Xubileu