Roma acolle os catequistas da Diocese de Santiago no seu Xubileu

Na mañá do venres, desde A Coruña, partía a expedición de corenta catequistas da Diocese, acompañados polo seu arcebispo, mons. Francisco José Prieto Fernández. A peregrinación fora coidadosamente preparada polo equipo da Delegación de Catequese, coordinado polo Delegado, Miguel López Varela, e o Vicedelegado, Alfonso Mera Nogueiras. Durante semanas traballaron con dedicación para que cada detalle estivese coidado e para que este encontro non se vivise simplemente como unha viaxe, senón como un verdadeiro camiño espiritual compartido.
Tras unha breve escala en Madrid, Roma recibiunos ao mediodía. Non era unha viaxe calquera. Era o Xubileu dos Catequistas, un tempo de graza pensado para quen, domingo a domingo, sementan a fe nas parroquias, case sempre en silencio, como sementadores pacientes. Unha guía elaborada pola Delegación de Catequese axudábaos a transformar cada paso en oración e cada visita en experiencia compartida.
A primeira xornada foi intensa, case vertixinosa. O roteiro comezou na igrexa de San Xoán dos Florentinos, onde o grupo recoñeceuse como comunidade en misión compartida.
Máis tarde, a Basílica de San Pedro acolleunos para a Vixilia de Oración, un encontro que reuniu a catequistas de España e de moitos outros países. Alí, as voces e os testemuños formaron un mosaico universal que lembraba a todos que a misión de anunciar o Evanxeo non coñece fronteiras.
Entre as luces da tarde, chegou a primeira foto de grupo, fronte ao monumento aos migrantes e refuxiados na Praza de San Pedro. Non foi unha instantánea máis: foi unha declaración silenciosa de fe, un xesto que subliñaba que a Igrexa camiña tamén cos desprazados, con quen busca fogar e esperanza.
Hoxe sábado, xa con máis calma, foi momento de dar grazas polo vivido. Os encontros con catequistas doutras dioceses, os relatos compartidos, a oración feita experiencia comunitaria… todo foi tecendo unha certeza: a misión catequética, universal e necesaria.

Previous articleO Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago» inaugurou o curso académico 2025-2026
Next articleO arcebispo de Santiago renova a invitación ao Papa a visitar a cidade do Apóstolo