O ISCCR inaugura o seu ciclo de conferencias de novembro

O Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas inaugurou este martes as súas tradicionais Xornadas de Actualización Teolóxico Pastoral. Un evento académico que este ano cumpre a súa edición número once e que serviu tamén para iniciar os actos conmemorativos dos 25 anos de fundación deste centro educativo.

A conferencia inaugural correu a cargo da profesora do centro Fátima Noya, que disertou sobre o “Lugar do ISCCR na formación dos laicos na diocese de Santiago de Compostela”. A tamén profesora de relixión en dous centros concertados da nosa arquidiocese percorreu os fitos máis importantes do maxisterio da Igrexa a partir do concilio Vaticano II nos que se insiste na urxencia de favorecer a formación teolóxica e pastoral dos laicos. Fixo fincapé sobre todo na Evangelii Nuntiandi do papa Paulo VI, a Christifideles laici de Xoán Paulo II, o Concilio Pastoral de Galicia (1968-1979) e o noso Sínodo diocesano, clausurado en 2017.

A necesidade de favorecer a formación dos laicos percorreu toda a intervención da profesora Noya, que destacou o papel fundamental xogado neste último cuarto de século polo ISCCR. Un centro que naceu precisamente con este obxectivo prioritario e que formou a boa parte dos actuais profesores de relixión que traballan en Galicia e en centros de fóra da nosa autonomía.

O ciclo de conferencias continuará o vindeiro martes 26. A delegada episcopal de Ensino, Begoña Díaz García, falará sobre A importancia do ISCCR na formación do profesorado de relixión católica en Galicia.

A charla comezará ás 19h. na aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán, no mosteiro de San Martiño Pinario. As conferencias están dirixidas a todos os laicos comprometidos coa formación e, dun modo moi especial, aos profesores de relixión.

Previous articleVixilia da Inmaculada
Next articleOs Obispos da Provincia Eclesiástica visitan a Casa de Galicia en Madrid