O arcebispo de Santiago invita no inicio da Coresma a vivir unidos un tempo de graza, escoita e conversión

A Catedral de Santiago acolleu esta tarde a celebración coa que deu comezo o tempo litúrxico da Coresma, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen impuxo a cinza aos fieis e dirixiu unha homilía centrada na conversión, a esperanza e a reconciliación.
Na homilía o prelado subliñou que o tempo coresmal non ten un carácter individualista, senón comunitario ao lembrar que todo o pobo está chamado a este tempo de graza. Inspirándose na profecía de Xoel, explicou que a chamada alcanzou a todos sen distinción de idade ou condición, desde nenos ata anciáns, e desde esposos ata sacerdotes, como expresión dun pobo en camiño.

A Coresma como camiño de éxodo e esperanza

O arcebispo tamén comparou a Coresma cun novo éxodo, no que os crentes son convidados a deixar atrás as “escravitudes” que a miúdo reteñen ás persoas en diversas tentacións. Ese camiño conduce simbólicamente polo deserto cara á Pascua do Señor, entendida como a terra prometida

Lembrou que os corenta días coresmais culminan no Triduo Pascual, coa celebración da paixón, morte e resurrección de Cristo, e afirmou que ese horizonte non é “unha utopía”, senón o camiño aberto por Cristo para os fieis.

Ao referirse ao rito da cinza, resaltou o seu dobre significado: por unha banda, como signo de fraxilidade e morte, e por outro, como anuncio de esperanza.

Escoitar, compartir e coidar as palabras

O arcebispo tamén aludiu á mensaxe coresmal do Papa para este ano, sinalando dúas actitudes fundamentais: a escoita e a apertura da mirada. Explicou que escoitar a palabra de Deus e aos demais resulta esencial para superar a indiferenza e o egoísmo.

Así mesmo, destacou o valor da esmola e o xaxún como expresións de solidariedade e fraternidade. Así, por unha banda indicou que a esmola ten sentido cando o que se ofrece é froito da renuncia persoal para ser compartido con outros, especialmente cos máis necesitados. E por outra banda, o xaxún entendido como a invitación para moderar a linguaxe, evitando palabras ofensivas ou que polarizan.

Finalmente, o arcebispo convidou a acoller a conversión con humildade, seguindo a actitude de María e baixo a intercesión do apóstolo Santiago, para vivir a Coresma como un tempo de renovación persoal e comunitaria.

 

Previous articleO inicio da Coresma reuniu os sacerdotes en retiros dirixidos polo arcebispo
Next articleCáritas Diocesana de Santiago reforza a súa aposta pola infancia coa renovación do programa Areté en O Milladoiro