Monseñor Julián Barrio: “Xúbilo e esperanza marcaron este Ano Santo”

  • Carta pastoral do arcebispo con motivo da clausura do Ano Santo Compostelán
“Damos grazas a Deus ao clausurar este ano Santo Compostelán, que nos convida a mirar, por unha banda, con gratitude o pasado, pero que nos abre con tanta esperanza ao futuro!” Así iniciaba o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, a carta pastoral “A alegría da conversión: froito do Ano Santo 2021-22”
O prelado compostelán indica que este tempo Xubilar “estivo marcado durante a primeira parte pola incerteza da pandemia e na segunda por unha multitude extraordinaria de peregrinos que viñeron en peregrinación ata a tumba do Apóstolo. A Igrexa en Santiago agradece a todos, nesta hora tan especial, o manter viva a tradición de peregrinar a Santiago e o querer compartir connosco a celebración deste ano Santo que está a chegar á súa fin”.
O arcebispo tamén afirma que o Ano Santo foi “unha experiencia de graza do que esperamos para nosa Igrexa diocesana, e para toda a Igrexa en Galicia, España e o mundo, froitos abundantes de renovación persoal e comunitaria que nos axude a exercer a fraternidade, avivar a esperanza, traballar pola xustiza e impulsarnos a levar a todos a alegría do Evanxeo de Xesucristo”.
Mons. Barrio destaca, pola súa importancia para o presente e o futuro da Igrexa, a Peregrinación Europea da Mocidade que se desenvolveu do 3 ao 7 de agosto: “Foron días inesquecibles pola fonda alegría, ás veces desbordante, polo clima sereno de oración compartida, de catequese e celebracións litúrxicas marcadas polo encontro co Señor”. E engade que “durante estes dous anos xubilares tamén moitas persoas acudiron como visitantes e regresaron como peregrinos ao sentir que o seu corazón fora tocado por Deus. E é que a vida se transforma cando deixamos que Deus entre nela”.
Na segunda parte da Carta Pastoral, “A nosa memoria agradecida. Aos corenta anos do Discurso Europeísta de san Xoán Paulo II”, o arcebispo afirma que o Ano Santo foi un “Ano de graza de Deus a quen agradezo todos os dons que recibimos ao longo destes dous anos. A graza que se nos deu é esperanza no medio das nosas incertezas e é caridade como testemuño da nosa vida cristiá que nos animan a vivir con espírito de peregrinos na vocación á que fomos chamados e nas circunstancias da nosa vida”.
Mons. Barrio agradece ao Papa Francisco, pola prórroga deste ano Santo: “Agradecémoslle ademais que nos estea marcando este rumbo renovado na Igrexa e en especial por esa mirada aos máis fráxiles, aos máis pobres. Desde aquí mostrámoslle a nosa comuñón afectuosa, que se fai oración por todas as súas intencións. O noso agradecemento tamén para todos os que dun modo ou outro participaron durante estes dous anos na organización do Ano Xubilar Compostelán e en todas as celebracións”.
Neste contexto, o arcebispo lembra tamén con gratitude o memorable discurso que con sentido profético pronunciaba san Xoán Paulo II na Catedral compostelá hai corenta anos: “Chegou como mestre e como testemuña, para confirmarnos na fe e alentarnos nunha nova evanxelización, tan necesaria entón como o é hoxe para o mundo”.
Na terceira parte da Carta, mons. Barrio convida a vivir o presente con paixón evanxelizadora: “As celebracións dos Anos Santos Composteláns buscan favorecer a realización integral da persoa e son unha chamada constante á conversión que nos axuda a renovarnos espiritualmente, lembrando os contidos da nosa fe e acollendo a salvación para ser evanxelizadores no medio da indiferenza relixiosa, incerteza moral e perda do sentido transcendente”. Neste contexto, o prelado compostelán fai referencia á crise económica e moral, a crise de fe, desafío para a Igrexa e ao Camiño de Santiago, como camiño de fe: “A peregrinación cristiá caracterízase por unha expectativa que nace dunha nostalxia de infinito, de transcendencia, que tarde ou cedo -consciente ou inconscientemente- emerxerá. Pois a razón máis profunda da peregrinación é a conversión ao Deus vivo a través do encontro consigo mesmo”.
A cuarta e última parte da Carta o arcebispo lembra o sufrimento das numerosas vítimas da pandemia, así como do sentimento xeneralizado de medo e desconfianza: “Moitas persoas experimentaron a perda de familiares e amigos por causa do virus e trouxeron a súa memoria ante o Apóstolo Santiago”.
E engade: “como nunca antes percibimos que pertencemos a unha gran familia espiritual, a Igrexa, onde sentimos a proximidade e a solidariedade a través da oración e a axuda mutua. Xuntos démonos conta da marabillosa realidade teolóxica da comuñón santos. Esa experiencia de fraternidade, vivida tería que empuxarnos a superar calquera rastro de individualismo egoísta e acrecentar a nosa caridade e actitude de servizo aos demais, especialmente aos máis pobres e vulnerables. A pesar de todos os sufrimentos e dificultades vividas, unha vez máis se puxo de manifesto que, mesmo en tempos de escuridade, Deus sempre nos dá a fortaleza da súa graza e sae ao noso encontro co seu amor providente”.
Termina mons. Julián Barrio lembrando o obxectivo deste ano Santo Compostelán expresado na súa carta pastoral de convocatoria foi “Sal da túa terra. O Apóstolo Santiago espérate. Poñédevos en camiño”. Neste sentido convida a mirar con esperanza ao futuro: “a peregrinación é unha viaxe que se realiza movidos pola fe e a esperanza, e no que non só é importante o destino ao que se chega, senón a experiencia de peregrinar en si mesma, que non facemos sos, senón cos outros, compañeiros de rota, peregrinos coma nós. Os esforzos e sacrificios da peregrinación, as relacións fraternas entre os peregrinos e quen os acolle, provocan a lectura dun significado que enmudece a cultura pragmática e a realidade do inmediato na que vivimos. Nesa viaxe aprendemos a “camiñar xuntos”. Esta experiencia esixe deixar de lado as actitudes individualistas e abrirnos ao coñecemento dos que camiñan comigo. E ao mesmo tempo compartir e valorar a riqueza que os compañeiros de camiño me achegan”.

 

Previous articleCarta pastoral de mons. Barrio con motivo da clausura do Ano Santo Compostelán
Next articleDon Julián bendí o belén artesanal de Moraña