Mons. Prieto: “Non sexamos testemuñas pasivas ante a vulnerabilidade de moitas persoas e familias que non poden acceder ao seu dereito a unha vivenda digna e axeitada"

  • Carta Pastoral do Arcebispo con motivo do Día das Persoas sen Fogar

Con motivo da celebración do Día das Persoas sen Fogar que  terá lugar o vindeiro domingo 27 de outubro, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, deu a coñecer unha Carta Pastoral na que, entre outras cousas, lémbranos que, “non sexamos testemuñas pasivas nte a vulnerabilidade de moitas persoas e familias que non poden acceder ao seu dereito a unha vivenda digna e axeitada”. Insiste o prelado en que “Cáritas convídanos a superar a indiferenza coa que tantas veces nos protexemos e escusamos, e coñecer e acompañar, sen xulgar e sen prexuízos, a estas persoas sen fogar”

Carta Pastoral

Queridos irmáns:

“A imaxe do camiño toma forma nos roteiros que tantos peregrinos percorren ata chegar á meta, onde os agarda a tumba do Apóstolo Santiago e o horizonte dunha esperanza que nos conduce cara a unha transcendencia de plenitude. Este camiño é tamén expresión cotiá da mesma condición humana, dos seus anhelos e fracasos, dos vínculos e os encontros que nos forxan como sociedade, como familia e como crentes. Pero este camiñar, para non poucos, está cheo de tropezos, de abandonos e de esquecementos, de tantos homes e mulleres que son lanzados, ou quedan esquecidos, fóra dos camiños da xustiza e da dignidade.

O próximo 27 de outubro Cáritas convídanos a pousar a mirada e a conciencia sobre as persoas sen fogar, que han de percorrer “un camiño duro e complexo, cheo de dificultades. Ás veces loitan por superar os obstáculos que van atopando, pero outras veces séntense sen forzas, perdidos, desorientados. Vivir á intemperie non é fácil, pero cando atopan a outros que os miran e os escoitan como o que son, persoas, todo cambia”. Cáritas convídanos a superar a indiferenza coa que tantas veces nos protexemos e escusamos, e coñecer e acompañar, sen xulgar e sen prexuízos, a estas persoas sen fogar que “tras de si deixan moitas pegadas de soidade e incomprensión, cargan historias de vida rotas, cheas de dor e desesperanza. Enfrontan numerosas dificultades para acceder a unha vivenda, a un emprego ou, simplemente, para saír da invisibilidade á que como sociedade os relegamos habitualmente”.

O papa Francisco lémbranos que “mentres moitas veces nos enfrascamos en discusións semánticas ou ideolóxicas, permitimos que aínda hoxe haxa irmás e irmáns que morran de fame ou de sede, sen un teito ou sen acceso ao coidado da súa saúde” (Fratelli tutti 189).

A vida é un don de Deus que debemos coidar en todos os ámbitos persoais, familiares e sociais. Como crentes no Deus da Vida non podemos admitir que tantos homes e mulleres vivan sen fogar e sen teito. Non sexamos testemuñas pasivas ante a vulnerabilidade de moitas persoas e familias que non poden acceder ao seu dereito a unha vivenda digna e axeitada.

Que nesta casa común que debemos coidar, procuremos hospedar os pobres sen teito (Is 58, 7), para que todos poidan ter un lugar onde habitar e construír un verdadeiro fogar e ninguén se vexa acubillado onde a noite o sorprende”

Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

Carta pastoral Día persoas sen fogar (PDF)

 

Previous articleRvdo. Sr. Don PABLO CAROU BARROS
Next articleO Arcebispado de Santiago cede a Cáritas Diocesana a Casa Reitoral na Illa de Arousa