- Mons. Francisco José Prieto Fernández denuncia a precariedade laboral xuvenil e pide compromiso social e político con motivo do 1 de maio
Con motivo da festividade de San Xosé Obreiro e do Día Internacional dos Traballadores, o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, publicou unha carta pastoral na que insta a garantir un traballo digno e con dereitos para a mocidade.
O texto chega apenas días despois dos funerais polo Papa Francisco, a quen o prelado recordou evocando a súa exhortación Christus vivit, onde o pontífice subliñaba que o traballo “é expresión da dignidade humana” e un camiño de maduración persoal e social. Neste contexto, o arcebispo quixo centrar a súa reflexión na realidade laboral dos mozos, que moitas veces oscilan “entre a confianza e o desánimo” nun mercado laboral competitivo, esixente e, con frecuencia, afastado do dereito a un salario xusto ou a condicións que lles permitan construír un proxecto de vida.
Mons. Prieto advirte que esta situación xera consecuencias anímicas graves entre a mocidade, como o desánimo, a melancolía ou o baleiro vital. En palabras tomadas da bula do Xubileo, recorda que cando o futuro “vólvese incerto e impermeable aos soños”, é inevitable que o presente se viva con “aburrimento” e sen esperanza.
Ante esta realidade, o arcebispo fai un chamamento tanto ás institucións públicas como á sociedade civil: “Sexamos capaces de escoitar realmente as demandas da mocidade”. Propón accións concretas como garantir empregos estables, facilitar o acceso á vivenda e promover políticas que aseguren “unha estabilidade vital e emocional”.
Na súa mensaxe final, o prelado exalta a figura de San Xosé Obreiro como exemplo de pai traballador que soubo sosterse con esforzo e dignidade á súa familia, e conclúe recordando unha das afirmacións do Papa Francisco en Fratelli tutti: “Non existe peor pobreza que aquela que priva do traballo e da dignidade do traballo”.









