Carta Pastoral de mons. Francisco Prieto no “Día diocesano do catequista” e no “Día da catequese nas parroquias”

Día diocesano do catequista
2 de marzo de 2024

Día da catequese nas parroquias
10 de marzo de 2024

“Señor, ensínanos a orar”

Queridos catequistas:

Antes que calquera outra reflexión que vos poida compartir, permitídeme que vos agradeza a vosa entrega, xenerosidade e fidelidade na vocación e misión que levades a cabo como catequistas, sendo discípulos e testemuñas ao servizo da transmisión da fe e da tarefa de iniciar na vida cristiá (cf. DC 112):

“Este ministerio introduce na fe e, xunto co ministerio litúrxico, procrea os fillos de Deus no seo da Igrexa” (DC 110). A Igrexa en Santiago confíavos a misión de ser testemuñas, mestres e acompañantes dos vosos irmáns no seu camiño de crecemento na fe, sen esquecer que “o verdadeiro protagonista de toda auténtica catequese é o Espírito Santo que, a través da profunda unión que o catequista mantén con Xesucristo, fai eficaces os esforzos humanos na actividade catequística” (DC 112).

O Papa Francisco quixo que este ano 2024, como preparación ao Xubileu Romano de 2025, sexa como unha gran “sinfonía” de oración, ante todo, para recuperar o desexo de estar na presenza do Señor, de escoitalo e adoralo. Iso coincide co segundo ano do Plan Pastoral Diocesano (2022-2025), no que somos convidados a facer memoria de Xesucristo (Lc 22,19), perseverando na oración (Hch 2,42).

Por este motivo, este ano, no “Día diocesano do catequista” e no “Día da catequese nas parroquias”, convídovos a ter presente una das tarefas propias da catequese, facendo nosa a petición dos discípulos a Xesús: “Señor, ensínanos a orar” (Lc 11,1). É unha súplica que debemos renovar cada un de nós, pois “sen momentos detidos de adoración, de encontro orante coa Palabra, de diálogo sincero co Señor, as tarefas facilmente baléiranse de sentido, debilitámonos polo cansazo e as dificultades, e o fervor apágase” (EG 262). Sen este encontro orante co Señor, o catequista vólvese un distante transmisor de contidos que non comunica como testemuña a experiencia do encontro con Cristo. Só un catequista que ora pode acompañar e “educar á oración e pola oración, desenvolvendo a dimensión contemplativa da experiencia cristiá” (DC 86). Só “cando a catequese está penetrada por un clima de oración, a aprendizaxe da vida cristiá cobra toda a súa profundidade” (DGC 85).

Convócovos a participar o sábado 2 de marzo no “Día do Catequista”, unha xornada que, en clave orante, convídanos a compartir e agradecer ao Señor a nosa vocación e misión como catequistas nesta Igrexa diocesana. E a celebrar o domingo 10 de marzo o “Día da Catequese nas parroquias” para lembrar que “a fe se profesa, celébrase, exprésase e vívese sobre todo na comunidade” (DC 88) e que “o catequista pertence a unha comunidade cristiá e é expresión dela. A súa misión vívese dentro dunha comunidade que é o primeiro suxeito de acompañamento na fe” (DC 111).

Co desexo de atoparvos e saudarvos na asemblea de catequistas, envíovos un cordial saúdo no Señor, ao que presento unha oración agradecida e confiada por todos e cada un de vós.

 

+ Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

Previous articlePresentación do programa de Semana Santa de Santiago de Compostela
Next articleO arcebispo preside os actos do 63 aniversario de Cáritas Interparroquial de Bergantiños