Xornada Nacional de Mans Unidas
LXV Campaña contra a fame
11 de febreiro de 2024
“O efecto ser humano”
Recentemente lembrábanos o papa Francisco, no seu exhortación apostólica Laudate Deum (Roma 2023), que “por máis que se pretendan negar, esconder, disimular ou relativizar, os signos do cambio climático están aí, cada vez máis patentes”, e “xa non se pode dubidar da orixe humana —“antrópica”— do cambio climático” (nn. 5 e 11). Na Campaña contra a fame de 2024, Mans Unidas, organización da Igrexa en España para a cooperación ao desenvolvemento, na súa misión de traballar por erradicar a pobreza, a fame, a miseria e loitar polo respecto aos dereitos humanos, lémbranos que “hai unha inxustiza que atopa a súa orixe no propio cambio climático, e esixe unha xusta reparación para que millóns de seres humanos poidan vivir dignamente”.
A pesar dos intentos de negar, esconder, disimular ou relativizar, os signos do cambio climático son unha evidencia, e “xa non se trata dunha cuestión secundaria ou ideolóxica, senón dun drama que nos dana a todos”, cuxos efectos “sentirémolos nos ámbitos da saúde, as fontes de traballo, o acceso aos recursos, a vivenda, as migracións forzadas, etc.” (Laudate Deum 2 e 3). No coidado da casa común os crentes temos unha especial responsabilidade que brota da nosa fe no Deus Creador (Xen 1,31: “Deus viu todo o que fixera e era moi bo”): non podemos esquecer que, como don de Deus, “a terra precédenos e foinos dada” para coidala, preservala e protexela, porque “a terra é do Señor” (Sal 24,1), a El pertence “a terra e canto hai nela” (Dt 10,14). Por iso, fronte ao desaforado consumismo ou a pretensión dun “merecido” beneficio económico sen límites, debemos interrogarnos: “na propia conciencia, e ante o rostro dos fillos que pagarán o dano das súas accións, aparece a pregunta polo sentido: que sentido ten a miña vida, que sentido ten o meu paso por esta terra, que sentido teñen, en definitiva, o meu traballo e o meu esforzo?” (Laudate Deum 33).
Na vida persoal e familiar, nos diversos ámbitos sociais onde estamos presentes, nas comunidades e parroquias da nosa Igrexa diocesana de Santiago, saíndo da comodidade do pasivo espectador, acollamos a forte chamada que Mans Unidas nos fai a un compromiso serio cos “descartados climáticos” e a unha implicación na loita contra o cambio climático que, para ser xusta, debe centrarse nos máis vulnerables.
Agradecendo a dispoñibilidade e entrega dos voluntarios e colaboradores de Mans Unidas, convídovos a unha acción urxente, valente e responsable coa xustiza climática, como un camiño de reconciliación co mundo que nos alberga e as persoas que o habitan. Neles está presente a pegada de Deus e neles o Creador é loado.
Un cordial saúdo no Señor da Vida. Coa miña bendición.
+ Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela