Mons. Francisco Prieto presidiu a celebración do Nazareno en A Pobra

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto, asistiu hoxe domingo á celebración do Nazareno na Pobra do Caramiñal, unha das festividades máis importantes da vila, declarada de Interese Turístico de Galicia. Este ano, celébrase do 13 ao 16 de setembro

Na homilía, o arcebispo convidou os devotos a tomar a cruz do Nazareno e a seguilo, como parte da vida de cada persoa: “É compartir con liberdade esa vida á que o Señor nos convida, sabendo que pola cruz nos conduce á vida”. Neste sentido, mons. Prieto indicou que o Nazareno mostra o camiño que conduce á vida e “nos convida a acompañalo de preto, sempre con liberdade.”

“No Nazareno, desvélasenos ese amor máis grande, ese amor disposto a entregarse a crucificarse e a darse; e desvélanos desde a cruz a verdade dun amor que non admite letra pequena nin condicións, un amor total e entregado” afirmou D. Francisco. E engadiu que o que hoxe se celebra, só ten sentido cando no Nazareno “confesamos o Resucitado, o Señor da Vida”.

O arcebispo convidou a todos os devotos ao compromiso, a mirar o corazón do irmán, o necesitado, porque é aí “onde está o Nazareno para ser acompañado”.

 

Previous articleMons. Francisco Prieto inaugura las XXIII Jornadas de Teología del ITC
Next articleCociña Económica de Santiago | Emotiva despedida de Alicia Lourido