- O santuario muxián estrea unha réplica fidedigna da talla da Virxe da Barca.
Hoxe xoves, 5 de setembro, o arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, presidiu no Santuario da Virxe dá Barca, en Muxía, o primeiro día da Novena. Estivo acompañado polo párroco, Daniel Turnes, e polo vigairo parroquial, José Antonio Conde.
O arcebispo bendixo o novo altar, o novo ambón e a réplica da imaxe da nosa Señora da Barca, xa disposta no seu camerín desde o mércores. Trátase dunha réplica fidedigna da talla orixinal da Virxe da Barca, que por estar a bo resgardo noutra localización, puido salvarse do incendio que abrasou e destruíu a igrexa no Nadal do 2013.
Esa imaxe orixinal foi tomada como modelo para esta, que agora permanecerá de forma prolongada no tempo no santuario muxián. Para Daniel Turnes “é unha imaxe que xunta o máis moderno e o máis tradicional. Moderno, porque foi impresa en 3D, fidedigna coa orixinal, os erros podarán ser como moito de micras, segundo nos comentou a enxeñería que nos fixo o estudo. Tradicional, porque a forma de pintar, a forma de tratar a imaxe, foi feito segundo os canons do Medievo. Unha imaxe preciosa, devota, que axuda a rezar”.
O párroco engadiu que “ten varias características que a fan única. A primeira é que nela, como non caso da Virxe do Pilar, vese o Apóstolo Santiago aos seus pés, ambas conmemoran unha aparición. A segunda, e por iso é tan importante esta réplica, é o rostro. A cara da Virxe e do Neno Xesús. Sobre todo os muxiáns téñena gravada a fogo na mente e queren seguir tendo esa imaxe na réplica. Puidemos conseguir eses ollos tan especiais. Unha vez que empecei a ser custodio da talla [orixinal], fixeime nesa cara e en verdade quedei prendado da imaxe”.
Durante estes días da Novena, serán numerosos os peregrinos que se acheguen ata o seu santuario. O sábado 14, domingo 15 e luns 16 serán as xornadas grandes, pero a Novena ten fondo arraigamento en toda a Costa da Morte e máis aló: os oficios, cada día, serán ás 09.00 e 19.00 horas.
Haberá ademais actos extraordinarios, como o deste sábado coa Misa cos nenos ás 5 da tarde. Ou a procesión nocturna de fachos, tamén o sábado ás 9 da noite. Este domingo, tamén terá lugar celebracións coas persoas enfermas e o luns, o funeral polos defuntos devotos de Nosa Señora da Barca.