Mons. Barrio preside o xubileo dos colexios de Xesuitinas en Galicia

  • Os tres colexios de Xesuitinas en Galicia congregan a máis de 1200 alumnos e profesores na Catedral de Santiago para a inauguración oficial do curso 2022-2023
Os centros da Fundación Educativa Fillas de Xesús en Noia, A Coruña e Vigo abriron hoxe venres, día 23, o curso cunha Eucaristía especial presidida por Monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago. Gran parte dos asistentes chega a Compostela tras peregrinar a través do Camiño Portugués e da Rota Ría de Muros-Noia, declarada en 2020 como Xacobea pola Igrexa.
É tradición nos colexios de Xesuitinas en Galicia realizar o Camiño nos anos Xacobeo. Nesta ocasión batéronse todos os récords previos de asistencia e chegaron a Santiago para unirse aos peregrinos 15 autobuses repletos de estudantes de todas as etapas educativas, ademais de numerosos vehículos particulares.
Todos puideron acceder á celebración a través da Porta Santa e a cerimonia, que se prolongou desde as 17:00 ata as 18:00 horas, contou con partes cantadas e o lanzamento do botafumeiro para alegría dos asistentes.
Os peregrinos atopáronse co resto de compañeiros horas antes na Alameda de Santa Susana para compartir unha comida con ilusión e alegría mentres cantaron e fixeron seu o lema deste curso: “A DALO TODO”.
Durante a eucaristía tres alumnos, un de cada centro, realizaron a invocación ao Apóstolo Santiago. Os directores dos colexios tamén participaron coas súas respectivas lecturas. Sen dúbida foi unha experiencia extraordinaria que marcou tanto os peregrinos como as familias e alumnos que acudiron a Santiago.

 

 

 

 

 

 

Previous articleMons. Julián Barrio na Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados: “Necesitamos sociedades impregnadas dunha cultura do coidado común”
Next articleComeza un novo curso académico no Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas (ISCCR)