Na noite do 24 de decembro tivo lugar na Catedral de Santiago de Compostela a solemne celebración da Eucaristía de Noiteboa, coñecida popularmente como a Misa do Galo. A cerimonia foi presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Francisco Prieto, xunto a algúns membros do cabido catedralicio, e contou coa participación de numerosos fieis que se congregaron para celebrar o nacemento de Xesucristo nun ambiente de fe e alegría.
Durante a homilía, o arcebispo destacou o misterio do amor de Deus que se fai próximo no Neno nado en Belén. Ante as sombras e dificultades da existencia humana, o Nadal preséntase como unha luz que renova a esperanza e manifesta a fidelidade dun Deus que permanece sempre á beira do seu pobo.
Mons. Prieto exhortou os presentes para abrir o seu corazón a Cristo, seguindo o exemplo dos pastores e dos Magos de Oriente, atentos aos signos de Deus e dispostos a responder con confianza. Sinalou tamén que este tempo litúrxico, enmarcado pola recente clausura do Ano Xubilar, foi unha ocasión especial de graza, conversión e renovación espiritual, chamada a traducirse en compromiso coa fraternidade e a proximidade aos máis fráxiles.
O prelado concluíu animando a vivir o Nadal desde a comuñón e o amor, levando a Cristo á vida cotiá e dando testemuño da súa presenza en todos os ámbitos da sociedade












