O arcebispo proclama en Nadal que a Boa Nova é unha Persoa que entra na historia

  • Na súa mensaxe de Nadal desde a Catedral de Santiago, o arcebispo subliñou que a Igrexa proclama hoxe unha Boa Nova: un Deus que entra na historia, faise carne, elixe nacer pequeno e acompañar o ser humano desde dentro da dor, mostrando que ningunha vida é irrelevante e que a esperanza é real e transformadora.
  • Monseñor Prieto recordou que o Nadal revela un Deus que se dá a si mesmo, volve nacer alí onde é acollido, ofrecendo proximidade, tenrura e esperanza a un mundo que necesita volver a crer na dignidade e o valor de cada persoa.
Esta mañá, na Catedral de Santiago, celebrouse a solemne Natividad do Señor. Ás 11:40 horas, os membros do Cabido iniciaron a procesión cara ao Altar Maior, onde, ás 12:00 horas, comezou a Eucaristía, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto Fernández.
Na súa homilía, o prelado subliñou que, a pesar dun contexto mundial marcado por conflitos, desigualdades e medo ao futuro, a Igrexa segue atrevéndose a anunciar o Nadal como unha Boa Nova: Unha Persoa. En palabras do arcebispo, “Nadal é isto: Deus non se desentende da historia, entra nela. É o Deus-con-nós”.
Monseñor Prieto destacou que, nun tempo saturado de mensaxes e discursos, Deus non engade máis palabras: dáse a si mesmo. Aludindo ao Evanxeo de san Xoán, lembrou que “o Verbo se fixo carne”, remarcando que Deus elixiu nacer pequeno, fráxil e necesitado, asumindo plenamente a condición humana.
O arcebispo destacou que a mensaxe cristiá non propón unha salvación desde fóra da dor, senón desde dentro: “Non ilumina a noite eliminándoa, senón acendéndose nela”. Nese sentido, afirmou que Deus segue nacendo alí onde é acollido, e que cada xesto de fe, tenrura ou xustiza permite que volva facerse presente no mundo.
Mons. Prieto tamén subliñou que ningunha vida é irrelevante e que ningún xesto de amor é insignificante: “A esperanza ten un rostro. E hoxe ese rostro é o dun Neno. Que saibamos acollelo. E que, acolléndoo, axudemos o mundo para crer que Deus segue habitando entre nós”.
Previous articleMisa do Galo na Catedral de Santiago de Compostela
Next articleCáritas Diocesana de Santiago pon en marcha a súa nova web corporativa e reforza o seua ecosistema dixital