- A solemnidade de Santa María, Nai de Deus, e a 59ª Xornada Mundial da Paz marcaron a primeira gran celebración litúrxica do ano en Compostela, presidida por Mons. Francisco José Prieto Fernández.

O arcebispo destacou o papel central de María, presentada como Nai que acolle e garda a vida, e como modelo dunha paz que se edifica desde o respecto a toda vida humana, desde o seu inicio ata o seu final. Xunto a ela, evocou a figura silenciosa de san Xosé, exemplo dun compromiso cotián, discreto e fiel, que constrúe a paz sen estridencias.
En referencia á Xornada Mundial da Paz, lembrou a mensaxe do papa León XIV para este ano, titulado “A paz estea con todos vostedes: cara a unha paz desarmada e desarmante”. Seguindo a mensaxe do Santo Padre, o arcebispo insistiu na urxencia de “desarmar” os corazóns da violencia, do medo e dos discursos que xeran confrontación. Neste contexto, chamou a vivir unha “paz desarmada”, visible no Neno de Belén, e unha “paz desarmante”, baseada na escoita, o diálogo e a proximidade desde a verdade.
Na oración pola paz, Mons. Prieto incorporou de maneira especial a mirada aos conflitos do momento presente e evocou con preocupación as guerras que seguen desgarrando á humanidade, citando de maneira expresa Gaza e Ucraína, sen esquecer outras guerras menos visibles en África, Asia ou América. Á vez, convidou a mirar as “guerras próximas”, as que xorden nas familias, entre amigos ou nas comunidades, lembrando que a paz mundial comeza nos xestos cotiáns e nas relacións máis próximas.
Finalmente, o arcebispo exhortou a non reducir a paz a un ideal abstracto, senón a asumila como compromiso concreto dos crentes, vivido día a día: “Vaiamos ao encontro de Deus e indo ao encontro de Deus atoparemos a paz verdadeira”.






