A Arquidiocese de Santiago de Compostela únese a TikTok: unha nova ferramenta para o anuncio do Evanxeo

Coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales, patrón dos xornalistas e escritores, e nun esforzo por achegarse ás novas xeracións no ámbito da presenza dixital, a Arquidiocese de Santiago de Compostela lanzou a súa canle oficial en TikTok baixo a conta @archicompostela. Esta iniciativa marca un fito na estratexia de comunicación da Arquidiocese, que continúa expandindo o seu alcance nas plataformas sociais máis influentes do momento.

Este verán, o Papa Francisco animaba os mozos para ser portadores de esperanza e construtores de pontes, utilizando todos os instrumentos que teñan ao seu alcance para sementar bondade e amor no mundo: “utilizade as redes sociais con valentía e creatividade, transmitindo valores que constrúan: a amizade, a paz, o diálogo entre etnias e culturas, a familia e os valores cristiáns.”

Ademais de TikTok, a Arquidiocese de Santiago de Compostela mantén unha activa presenza noutras redes sociais populares como Facebook, X, Instagram, Youtube e a canle de comunicación WhatsArchicompostela.

Con este novo espazo, a Arquidiocese segue apostando unha vez máis pola comunicación e as novas tecnoloxías aplicadas á Igrexa compostelá. O arcebispo de Santiago, mons. Francisco Prieto, pon de manifesto que “estas plataformas e o mundo dixital son parte da realidade das persoas, e que é nesta realidade na que a Iglesia debe estar presente e ser parte”. E engade que “a finalidade da nosa presenza nas redes sociais é clara: anunciar o Evanxeo dunha maneira contemporánea e accesible para todos (…). Estamos comprometidos co uso destes medios para conectar coas persoas, especialmente os mozos, e compartir a esperanza e o amor que representa a nosa fe”.

Pola súa banda, o delegado para as Comunicacións Sociais, Manuel Á. Blanco, afirma que con estas ferramentas a Arquidiocese aumenta a súa aposta informativa no ámbito dixital e pon ao servizo dos diocesanos novas vías de comunicación e participación atendendo á actualidade e ás novas esixencias do mundo dixital: “A iniciativa en TikTok subliña o noso compromiso coa adaptación ás novas formas de comunicación, sen perder de vista a súa misión fundamental de evangelización e servizo á comunidade”.

Previous articleXubileu da Universidade na nosa Arquidiocese
Next articleDobre convenio entre Arcebispado e Cáritas: Un paso máis na asistencia social