Este xoves 11 de xuño, tivo lugar a presentación do ciclo de música de órgano BachCompostela, que supoñerá a interpretación da integral de obra para órgano de Johann Sebastian Bach (1685-1750), por parte do organista Juan de la Rubia. Serán un total de 21 concertos, programados entre outubro de 2026 e decembro de 2028. Esta iniciativa enmárcase nas actividades culturais organizadas con motivo do Ano Santo Compostelán 2027, ano no que tamén se cumpre o 50º aniversario do órgano Mascioni da catedral. A iniciativa organízase en colaboración co Palau da Música Catalá, de Barcelona, onde tamén se desenvolverá, de xeito simultáneo, o ciclo.
Juan de la Rubia é organista titular da Basílica da Sacra Familia de Barcelona e profesor na ESMUC. Ofreceu concertos nas principais catedrais e auditorios de Europa, Asia e América, colaborando con orquestras como a Freiburger Barockorchester, a Orquestra Nacional de España e o Balthasar-Neumann-Chor. Especialista na obra de Johann Sebastian Bach e recoñecido improvisador, gravou diversos discos con repertorio que abarca desde a música ibérica ata o sinfonismo romántico e contemporáneo. A súa actividade combina a interpretación, a investigación e a docencia, cun forte compromiso na difusión do patrimonio organístico.
Toda a información, e adquisición de entradas, pode realizarse a través da web www.bachcompostela.es












