Etapa continental do Sínodo sobre a sinodalidade: mons. Barrio na Asemblea da CEE

O sábado 28 de xaneiro tivo lugar en Madrid a Asemblea da Conferencia Episcopal Española, dentro da etapa continental do Sínodo sobre a sinodalidade. O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio, e o vicedelegado de apostolado seglar da Diocese, Alfredo Losada, participaron neste encontro.

A destacar dous saúdos iniciais, que en calquera outra ocasión poderían pasar desapercibidos, pero que polo seu ardor evanxélico e a súa paixón soaron a impulso misioneiro.

O cardeal Omella resaltou o momento histórico apaixonante do sínodo convocado polo papa Francisco, facendo unha similitude entre o proceso sinodal iniciado e o Camiño de Santiago, coa alegría de camiñar xuntos, pero ao mesmo tempo resulta custoso.

O presidente da CEE insistiu en que o Espírito Santo é como o pegamento que nos une, e que nos fai axentes de comuñón, e aínda que hai resistencias e voces contrarias, as voces non afunden, non pode afundirse Xesús no lago do mundo.

Así mesmo, mostrou unha adhesión plena e manifesta a camiñar co sucesor de Pedro.

Tamén monseñor Luís Marín, subsecretario da secretaria do Sínodo, chamou a atención sobre o tempo de esperanza que vivimos, sendo a sinodalidade un proceso cara á coherencia como cristiáns e un impulso á misión.

Animou a recuperar a fraternidade cristiá, que emana do bautismo, e que o insulto, a agresividade e o desprezo atentan contra a comuñón, por ese motivo pódese afirmar que a revolución pendente na Igrexa é a do amor, concluíndo co imperativo: sede valentes, sede xenerosos.

Posteriormente, laicos do equipo sinodal da CEE presentaron un documento de síntese para a etapa continental europea, froito das sínteses enviadas por case todas as Dioceses españolas.

Destacáronse as seguintes prioridades: potenciar a acollida nas nosas comunidades, de forma que sexan espazos integradores; promover a corresponsabilidade, real e efectiva, do pobo de Deus, superando o clericalismo; recoñecer definitivamente o papel da muller na Igrexa e fomentar a súa participación en todos os niveis da vida eclesial; articular a integración e participación da mocidade nas nosas comunidades; dinamizar a formación en cuestións fundamentais da nosa fe, especificamente en materia de doutrina social da Igrexa; fomentar o diálogo co mundo e a cultura; coidar a liturxia como expresión dunha fe viva, consciente e activa.
A media mañá houbo unha reunión en 12 grupos, onde se subliñaron aspectos da síntese e se comentaron aspectos a matizar ou lagoas detectadas, realizándose esta tarefa mediante o método da conversación espiritual.
Destacar a apreciación de que a sinodalidad é un don do Espírito e como tal debemos acollelo, así como que o proceso sinodal debe levar a que persoas e estruturas eclesiais se dinamicen con espírito de corresponsabilidade real. Ademais, destacar a importancia de que a comuñón debe levar á misión, á construción do reino.

Alfredo Losada

 

Previous articleReunión do Consello Pastoral Diocesano
Next articleFestividade de San Tomé de Aquino