Entrevista a mons. Barrio en "A Lanterna da Igrexa"

Mons. Julián Barrio: “A Santiago sempre se chega como peregrino”

 

Despois de dous anos agardando, e dunha prórroga por mor da pandemia polo COVID-19, por fin poderase celebrar ao grande o día de Santiago, patrón de España. Unha xornada que terá lugar este luns, 25 de xullo, co seu momento grandioso: misa solemne dentro da Catedral do Apóstolo. Unha cerimonia que oficiará Julián Barrio, arcebispo de Santiago, que está moi agradecido e sorprendido pola cantidade de peregrinos que están a chegar: “Non nos imaxinabamos, despois do que vivimos, que puidesen ser tantas as persoas que viñesen este ano. O Papa Francisco tivo unha gran intuición ao concedernos esta prolongación do Ano Santo”.
Julián Barrio destacou, en ‘A Lanterna da Igrexa’ con Irene Pozo, a importancia de realizar este camiño hoxe en día: “É un acto de rebeldía e de protesta cara á situación na que nos atopamos, nunha sociedade que non está a ofrecer á persoa aquilo que necesita para dar sentido á súa vida”. Un sentido que pode ser moi distinto dependendo de cada un: “A Santiago sempre se chega como peregrino, aínda que algunhas persoas iniciasen o camiño con outras motivacións. Isto púideno percibir, non só nas persoas que comparten a nosa fe, senón tamén en persoas que son agnósticas, ateas… O Camiño dá a posibilidade de entrar dentro de un mesmo”.
Respecto ao significado deste ano Xubilar con respecto ao momento actual, o arcebispo de Santiago mostrouse moi claro: “Está a demostrarse que, no medio desta situación cultural, económica e sanitaria, os peregrinos xacobeos queren botar raíces no chan firme e estable do sacro e manifestan que é necesario preservar a expresión pública do feito relixioso e valorar a relixión como unha achega positiva para a cuestión social”. Por último, quixo facer unha petición ao santo para este día tan especial: “Pídolle ao Apóstolo que nos axude a calzar as sandalias da esperanza para poder percorrer o camiño e a peregrinación que todos nós debemos de facer.

Fonte: Cope

Previous articleSolemnidade do Apóstolo Santiago na Catedral de Santiago de Compostela
Next articleO arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, recibe a Medalla de Ouro de Galicia 2022