Este martes, 22 de outubro, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto, asistirá á reunión anual de traballo e convivencia entre os prelados das dioceses que conforman as provincias eclesiásticas de Braga (Portugal) e Santiago de Compostela. Este ano, o encontro celebrarase en Mondoñedo, sendo a diocese de Mondoñedo-Ferrol a anfitrioa.
Na reunión participarán 15 bispos de Portugal, encabezados polo arcebispo de Braga, Mons. José Manuel García Cordeiro, xunto aos prelados das dioceses de Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, O Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu, incluíndo bispos titulares, auxiliares e algúns eméritos. Por parte de Galicia, ademais de Mons. Francisco José Prieto, asistirán o arcebispo emérito de Santiago, Mons. Julián Barrio; o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco; o bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos; o recentemente nomeado bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, e o emérito, Mons. Luis Quinteiro, e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Fernando García Cadiñanos.
A cita comezará ás 10:00 horas na Praza da Catedral, onde os bispos serán recibidos, a toque de campás, polo bispo diocesano, o deán da catedral, Félix Villares, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero. Tras o saúdo, os prelados realizarán unha visita á catedral e unha breve oración antes de dar comezo á reunión nos salóns do palacio episcopal.