- Durante a celebración de San Martiño de Tours, o arcebispo Francisco José Prieto exhortou os seminaristas e fieis do Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago a vivir a fe con esperanza e compromiso fraterno.
O Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago, institución que agrupa os seminaristas das dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo, celebrou hoxe martes 11 de novembro, ás 13:00 horas, a festividade do seu patrón, San Martiño de Tours, cunha misa solemne presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto. A cerimonia, que tivo lugar na capela do propio Seminario, contou coa concelebración do bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, e a participación de numerosos sacerdotes, membros da vida consagrada, laicos e representantes das autoridades civís e militares.
Durante a súa homilía, o arcebispo evocou a figura de San Martiño de Tours como exemplo de entrega e servizo, lembrando o xesto que definiu a súa vida: aquel momento en que, sendo soldado romano, partiu a súa capa para abrigar un esmoleiro. “Ese xesto é a clave biográfica para entender a San Martiño de Tours”, afirmou o prelado, subliñando que nese acto de compaixón se resume toda unha existencia orientada ao amor ao próximo e ao seguimento de Cristo.
Monseñor Prieto reflexionou tamén sobre a vixencia da mensaxe de San Martiño no mundo actual, convidando os presentes a vivir a súa fe con autenticidade e compromiso. “Non pasemos de longo, non miremos con indiferenza”, exhortou, aludindo á parábola do bo samaritano e á necesidade de mirar con compaixón a quen sofre.
O arcebispo destacou tamén que a resposta persoal á chamada do Evanxeo é o que dá sentido á vida cristiá. “Cada día esta pregunta achégasenos no rostro daqueles que comparten a vida connosco”, lembrou, facendo fincapé na importancia de recoñecer nos demais o rostro de Cristo.
No marco do xubileu que está próximo a concluír, monseñor Prieto convidou a manter viva a porta da esperanza. “Non se trata de buscar luces propias, senón de que a nosa vida sexa reflexo da luz do Señor”, expresou, animando os seminaristas e a toda a comunidade a vivir a súa vocación desde a humildade e a entrega cotiá.
A homilía concluíu cunha chamada á unidade e á corresponsabilidade na misión de la Igrexa. “Non somos illas illadas… Sintámonos parte de algo que non é noso, senón que nos é dado e confiado”, afirmou o arcebispo, en alusión á tarefa común de construír comunidade e servir o Evanxeo.
Con esta celebración, o Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago renovou o seu propósito de formar pastores “humildes traballadores na viña do Señor”, segundo as palabras do propio arcebispo, reafirmando así a súa misión educativa e espiritual ao servizo das dioceses galegas.















