Arroupa Moda Re-, impulsada por Cáritas Diocesana de Santiago, recibe o Premio Comercio Sostible Galego 2025

Arroupa Moda Re-, a empresa de inserción promovida por Cáritas Diocesana de Santiago, foi recoñecida co Premio Comercio Galego 2025 na categoría de Comercio Sostible, polo seu compromiso coa economía circular, a inserción sociolaboral e o consumo responsable.
O xurado destacou a contribución de Arroupa Moda Re- ao desenvolvemento dun modelo de xestión téxtil sostible, que combina a protección do medio ambiente coa creación de emprego digno para persoas en situación ou risco de exclusión social.

Este galardón súmase ao Premio Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2025 na categoría de Empresa, que Arroupa Moda Re- recibiu leste mesmo ano en recoñecemento ao seu impacto social e o seu compromiso coa dignidade das persoas a través do emprego.

Desde a súa creación en 2015, Arroupa Moda Re- consolidou un modelo empresarial que combina a xestión responsable do residuo téxtil coa xeración de emprego digno. Neste tempo, a empresa pasou de 7 a 36 traballadores —29 deles con contrato de inserción—, xestionou máis de dez millóns de quilos de roupa usada, evitou a emisión de 46.000 toneladas de CO₂ e aforrou 6.400 millóns de litros de auga, evidenciando o impacto real da súa actividade no ámbito ambiental e social.

Arroupa conta actualmente con cinco tendas en Galicia, situadas na Coruña, Santiago de Compostela, Carballo, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, sendo esta última a súa nova incorporación. A tenda de Vilagarcía, aberta recentemente na rúa Castelao, amplía a rede comercial da empresa e reforza a súa presenza na provincia de Pontevedra.

Desde Cáritas Diocesana de Santiago sublíñase que este premio recoñece o esforzo colectivo dun proxecto que une sustentabilidade, emprego e solidariedade, demostrando que outra forma de producir e consumir é posible. Cáritas quere trasladar a súa felicitación a todos os galardoados e participantes nesta edición dos Premios Comercio Galego, promovido pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e poñer en valor iniciativas como esta, que recoñecen a importancia do sector comercial de Galicia como motor económico, social e de cohesión no territorio.

Previous articleO Seminario Maior interdiocesano celebrou a festividade de san Martiño de Tours
Next articleXornada Mundial dos Pobres 2025