O papa León XIV clausura o Xubileu Ordinario de 2025 dedicado á Esperanza

O papa León XIV clausurou este martes, 6 e de xaneiro, o Xubileu Ordinario de 2025 co peche solemne da Porta Santa da basílica de San Pedro, rito celebrado ao comezo da misa da Epifanía do Señor. Con este xesto, o Pontífice puxo fin ao Ano Santo dedicado á esperanza, que durante doce meses congregou a millóns de peregrinos en Roma.
A celebración comezou no atrio da basílica vaticana, onde o Papa, acompañado por cardeais, bispos, sacerdotes, membros da Curia romana, cóengos e penais do templo, procedeu ao rito do peche da Porta Santa. Entre os participantes na celebración atopábase o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández.

Tras permanecer uns instantes en oración #ante a Porta Santa, León XIV pechouna persoalmente e, a continuación, encabezou a procesión cara ao interior do templo para presidir a Eucaristía da solemnidade da Epifanía, coa que concluíu tamén a súa primeira celebración do Nadal como pontífice.

Na súa homilía, o Papa subliñou o significado espiritual da Epifanía e do Xubileu recentemente concluído: «O Neno que os magos adoran é un Ben que non ten prezo nin medida. É a Epifanía da gratuidade. Non nos espera nos lugares prestixiosos, senón nas realidades humildes». E engadiu: «No seu Fillo contemplaremos e serviremos a unha humanidade magnífica, transformada non por delirios de omnipotencia, senón polo Deus que se fixo carne por amor».

O Xubileu da Esperanza fora inaugurado o 24 de decembro de 2024 polo papa Francisco, pero, tras o seu falecemento en abril, foi concluído polo seu sucesor, nunha circunstancia inédita desde o ano 1700.

Más de 33 millóns de fieis peregrinaron a Roma ao longo deste ano Santo, principalmente procedentes de Italia, Estados Unidos e España. O Xubileu, instituido no ano 1300, celébrase ordinariamente cada vinte e cinco anos como un tempo privilexiado de conversión, perdón e renovación espiritual.

Previous articleOs paxes de Cáritas Diocesana axudan os Reis Magos a repartir xoguetes a 1.336 menores de A Coruña, Santiago, Arousa e Pontevedra
Next articleRvdo. Sr. D. José Luis Rey Tear