Os paxes de Cáritas Diocesana axudan os Reis Magos a repartir xoguetes a 1.336 menores de A Coruña, Santiago, Arousa e Pontevedra

Todo preparado xa para que a mañá do 6 de xaneiro comece con nervios, carreiras polo corredor e ollos moi abertos en centos de fogares da diocese. Zapatos ben colocados, cartas escritas con coidado e unha ilusión que, un ano máis, non quede sen resposta. Grazas á solidariedade da diocese, os Reis Magos volverán pasar por todas as casas e manter viva a maxia.

Cáritas Diocesana de Santiago pecha así a súa Campaña de Nadal 2025 axudando a que 1.336 nenos e nenas de 637 familias esperten o día de Reyes con algún agasallo esperándoos. Detrás de cada paquete houbo persoas concretas que pensaron neles, que preguntaron que lles gustaba, que envolveron con mimo e que fixeron posible que esa mañá fóra, polo menos por unhas horas, como a de calquera outra familia.

Na Coruña, máis de 900 menores de máis de 400 familias recibirán os seus agasallos. En Santiago serán 350 nenos e nenas de 180 familias e en Pontevedra e Arousa, 86 menores de 57 familias. Para moitos deles non se trataba só dun xoguete, senón de sentirse iguais, de non quedar á marxe dunha tradición que se vive intensamente na infancia.

Durante semanas, os paxes de Cáritas Diocesana, repartidos entre o voluntariado, entidades colaboradoras e persoas anónimas, traballaron con discreción para que a maxia chegase a tempo coa certeza de que un xesto sinxelo pode marcar unha diferenza enorme.

O equipo de Cáritas Diocesana de Santiago sinala que “a maxia dos Reis Magos segue viva cando hai persoas dispostas a coidala. Cada agasallo é unha maneira de dicirlle a un neno que non está só e que alguén pensou nel con agarimo. Esa é a verdadeira maxia que fai posible a noite de Reis”

Esta iniciativa pon o broche final á Campaña de Nadal 2025, coa que Cáritas na diocese de Santiago quixo lembrar que “vivir con dignidade non debería ser cuestión de sorte. O Nadal termina, pero as dificultades de moitas familias continúan, e por iso o acompañamento de Cáritas segue presente durante todo o ano”.

 

Desde a entidade agradécese “ profundamente a todas as persoas que fixeron posible esta cadea de ilu sión e anímase a seguir sendo paxes da esperanza máis aló das festas, porque hai moitas mañás do ano nas que un pequeno xesto pode cambialo todo”.

 

Previous articleReunión da Coordinadora Diocesana de Pastoral Xuvenil
Next articleO papa León XIV clausura o Xubileu Ordinario de 2025 dedicado á Esperanza