- O arcebispo de Santiago, D. Julián Barrio, presidirá as celebracións litúrxicas que terán lugar este fin de semana na Catedral de Santiago.
Ás 24 horas do 24 de decembro a sede compostelá acollerá a tradicional misa de medianoite, coñecida como Misa do Galo antesala do Nadal. Foi o Papa Sixto III quen introduciu o costume de celebrar o Nadal cunha vixilia nocturna, celebrada a medianoite, ante o presebe situado tralo altar Maior da Basílica de Santa María a Maior, chamada “Ad galli cantus” en referencia á expresión romana “canto do galo” para designar o comezo do día.
O sábado 25, Solemnidade da Natividade do Señor, coa procesión do Cabido Catedralicio ás 11:40 h. dará comezo a Misa estacional presidida por D. Julián que estará acompañado por algúns dos cóengos á que se invita a participar a todos os diocesanos.
Ao día seguinte, domingo da oitava de Nadal, Festa da Sagrada Familia, o prelado celebrará ás 19:30 h. a Misa das Familias, unha xornada -a de Familia e Vida- que vén marcada no calendario litúrxico diocesano e que, desde hai anos, convoca a través da Delegación Diocesana de Pastoral Familiar a numerosas familias de diferentes parroquias da Diocese.












