Día do Seminario 2025
Sementadores de esperanza
Queridos irmáns:
Sabemos que “o don da vocación ao presbiterado, sementado por Deus no corazón dalgúns homes, esixe á Igrexa propoñer un serio camiño de formación” (Ratio fundamentalis institutionis sacerdotalis nº 1, 2016) que os capacite para vivir con todas as súas esixencias o sacerdocio e para exercelo con responsabilidade. Froito desta preocupación é o Plan de Formación Sacerdotal. Formar pastores misioneiros, aprobado pola Conferencia Episcopal Española en 2019, co fin de orientar a formación dos seminaristas nunha comuñón de criterios entre as diversas dioceses, tendo en conta as circunstancias de tempo e lugar nas que vivimos.
Durante este curso 2024-2025, froito dunha reflexión serena e profunda, os bispos das dioceses de Santiago de Compostela, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo decidimos poñer en marcha o Seminario Maior Interdiocesano “Apóstol Santiago” para ofrecer aos nosos seminaristas os elementos formativos necesarios que permitan vivir a identidade e espiritualidade do ministerio sacerdotal. Para iso precísase unha comunidade educativa que desenvolva as súas catro notas esenciais: única, porque é un único camiño discipular; integral, porque debe cultivar de modo equilibrado as dimensións humana, espiritual, intelectual e pastoral; comunitaria, porque a vocación fórmase na comunidade discipular do seminario; e misioneira, porque toda a formación sacerdotal oriéntase á misión.
A realidade do Seminario Interdiocesano preséntase como un camiño que somos convidados a percorrer xuntos, co fin de medrar como Igrexa ao servizo do noso pobo. Este seminario debemos sentilo como algo propio da nosa comunidade diocesana, porque todos os bautizados fomos chamados polo Señor, na Igrexa, para anunciar a boa nova do Evanxeo (cf. Mc 16,15), todos somos discípulos e todos somos misioneiros. A corresponsabilidade é unha característica esencial da sinodalidade, unha corresponsabilidade diferenciada: “O camiño sinodal da Igrexa levounos a redescubrir que a variedade de vocacións, carismas e ministerios ten unha raíz: “a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo” (1Cor 12,13)” (Documento final Sínodo sobre a Sinodalidade 2024, n. 21).
Ao celebrar o día do Seminario neste Ano Xubilar Romano, baixo o signo da esperanza que non defrauda (cf. Rom 5,5), e tras a celebración do Congreso sobre as vocacións o pasado mes de febreiro, somos convocados a promover unha cultura vocacional que impregne a nosa vida diocesana: a Igrexa é unha sinfonía vocacional, con todas as vocacións unidas e diversas, en harmonía e á vez “en saída” para irradiar no mundo a vida nova do reino de Deus.
Por iso, o don da vocación sacerdotal non se acolle como unha realidade illada, ou como un dominio persoal, ou un mérito individual: é un don de Deus que se vive como unha misión que se nos confía para ser sementadores na comunidade cristiá da fe que nos foi revelada, da caridade que o Espírito derrama en nós e da esperanza que nos sostén no camiño.
Con María, que foi chamada a ser Nai do Fillo e dos fillos, con San Xosé, chamado a coidar e acompañar con corazón de pai o don do Fillo, e co Apóstolo Santiago, o discípulo e amigo do Señor, convídovos a orar polos seminaristas e polo equipo formativo do Seminario Interdiocesano, a orar polos nosos sacerdotes e as súas tarefas pastorais para que sexan “sementadores de esperanza”, ou sexa, discípulos e testemuñas de “Cristo Xesús, nosa esperanza” (1Tim 1,1) con e para o pobo de Deus que se lles confía coidar, acompañar e animar desde a caridade pastoral de Cristo Bo Pastor.
Mons. Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela