“Levántate e ponte en camiño”
Queridos diocesanos:
Diríxome de maneira especial a vós, queridos mozos, na celebración do Día do Seminario neste ano 2023. Traio á memoria nesta ocasión aquelas palabras do fillo menor da parábola quen non atopando sentido á súa vida, di: “Cantos xornaleiros de meu pai teñen abundancia de pan, mentres eu aquí mórro de fame. Levantareime, poñereime en camiño a onde está meu pai e direille: Pai, pequei contra o ceo e contra ti, xa non merezo chamarme fillo teu; trátame como a un dos teus xornaleiros” (Lc 15,18). Esta é a reflexión que quero compartir convosco pedíndovos que teñades a valentía de levantarvos e poñervos en camiño buscando a que vocación vos chama o Señor. “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á súa vida e, con iso, unha orientación decisiva”, escribía o papa Bieito XVI.
A chamada do Señor
Deus chamou a Moisés para dicirlle: “Levántate e marcha á fronte do pobo para que entren e tomen posesión da terra que prometín aos seus pais que lles daría” (Dt 10,11). Chamou a Abrahán: “Sae da túa terra, da túa patria e da casa de teu pai, cara á terra que che mostrarei” (Xén 12,1ss). A Virxe María, despois que o anxo lle anunciou a encarnación do Fillo de Deus no seu seo, “levantouse e púxose en camiño de présa” (Lc 1,39): ela é o modelo para o seminarista de todos os tempos saíndo de si mesma e poñendo a súa vida ao servizo dos demais. Tamén Cristo, “sendo de condición divina, non retivo avidamente o ser igual a Deus; ao contrario de desposuíuse de si mesmo, tomando a condición de escravo, feito semellante aos homes” (Fil 2,6-7) para salvarnos, chama a seguilo e isto comporta un descentramento de nós mesmos na medida en que provoca un cambio de mundos, aquel en o que nos movemos e aquel en que el quere que nos movamos para centrarnos en Deus e nos demais. O mundo de Pedro era o mar e a pesca. Xesús diralle: “Non temas, desde agora serás pescador de homes” (Lc 5,10). Chamou o mozo rico (Mt 19,16-24) que non se comprometeu a seguilo porque non era unha persoa libre. Estaba atado aos seus bens. Só se ama na liberdade e se pode responder á chamada.
A que nos llama
Na vocación ao sacerdocio o Señor chama a estar con El, a camiñar con El, a traballar con El, e a predicar a Boa Noticia de forma que a súa Palabra se fará Palabra no que foi chamado co poder de expulsar demos (Mt 5,1-11): a increencia, a inxustiza, a cobiza dos corazóns, as enfermidades descontroladas, as depresións psíquicas…. Responder a esta chamada é atoparse coa vida verdadeira, a única que pode encher as profundas aspiracións espirituais sen estrañar outras realidades como os ídolos que “teñen boca e non falan, teñen ollos e non ven, teñen orellas e non oen, teñen nariz e non cheiran, teñen mans e non tocan, teñen pés e non andan, non ten voz a súa garganta” (Ps 115). A vosa resposta, queridos mozos, ha de ser xenerosa e alegre. Non a vexades fundamentalmente como un sacrificio senón como unha ofrenda agradecida. Xesús chámavos de maneira total, tamén no medio das vosas debilidades e dificultades. Ante as vosas seguridades é necesaria a confianza no amor de Deus que nos ve sempre mellor do que un se ve a si mesmo e que sempre espera cos brazos abertos.
A nosa colaboración na chamada de Xesús
Queridos diocesanos, sacerdotes, membros de vida consagrada e pais de familia, compartide esta mensaxe na predicación, na catequese e na familia. A min sempre me alegra comentar cos mozos esta inquietude e preocupación. Deus quere realizar tamén a chamada sacerdotal aos mozos a través de nós. Decatámonos de que a seara é moita e os obreiros son poucos. Unámonos na oración e coidemos diligentemente os nosos Seminarios Maior e Menor, institución diocesana onde atopamos a quen respondendo á chamada do Señor se preparan para recibir o ministerio sacerdotal, mirándose no espello da Virxe María que acolle con sinxeleza, obediencia e humildade o plan de Deus, e tendo en conta a cruz de Cristo. “Cristo é a nosa vida! Á centralidade de Cristo correspóndelle tamén a centralidade da Igrexa: son dous lumes que non se poden separar: eu non podo seguir a Cristo máis que na Igrexa e coa Iglesia… Ser homes enraizados e fundados na Igrexa: así nos quere Xesús. Non pode haber camiños paralelos ou illados”[1]. Da esperanza vocacional ao sacerdocio hoxe, poderase percibir o futuro da diocese mañá.
Exhortación final
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.
[1] FRANCISCO, Homilía na festa de San Ignacio de Loiola, 31-8-2013.