- Carta Pastoral de mons. Julián Barrio no Día do Seminario
A Igrexa celebra o domingo 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, o Día do Seminario, este ano co lema «Levántate e ponte en camiño». E con ocasión desta xornada o arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Julián Barrio publicou unha Pastoral.
Comeza a súa carta dirixíndose aos mozos aos que pide que teñan a valentía de levantarse e poñerse en camiño buscando a que vocación a chama o Señor. Tomando como referencia as chamadas a Moisés, Abrahán, á Virxe ou a Pedro lémbralles que “na vocación ao sacerdocio o Señor chama a estar con El, a camiñar con El, a traballar con El, e a predicar a Boa Noticia.”
Sinala Mons. Barrio que responder a esa chamada do Señor é “atoparse coa vida verdadeira, a única que pode encher as profundas aspiracións espirituais sen estrañar outras realidades como os ídolos”. Convida os mozos a que a súa resposta sexa xenerosa e alegre: “Non a vexades fundamentalmente como un sacrificio senón como unha ofrenda agradecida. Jesús chámavos de maneira total, tamén no medio das vosas debilidades e dificultades”.
Convida a todos os diocesanos a difundir esta mensaxe pois “Deus quere realizar tamén a chamada sacerdotal aos mozos a través de nós. Decatámonos de que a seara é moita e os obreiros son poucos”. E engade: “Unámonos na oración e coidemos diligentemente os nosos Seminarios Maior e Menor, institución diocesana onde atopamos a quen respondendo á chamada do Señor se preparan para recibir o ministerio sacerdotal.”
Termina a súa carta encomendándose ao Apóstolo, á Virxe Santísima e a San Xosé e convidando a todos a rezar constantemente polos chamados ao sacerdocio: “E dentro das nosas posibilidades colaboremos economicamente para que os nosos Seminarios teñan os medios necesarios e axeitados para ofrecer a mellor formación humana, espiritual, académica, pastoral e comunitaria a quen se prepara para recibir o ministerio sacerdotal”.