Carta Pastoral con motivo do Día diocesano da catequese nas parroquias e comunidades

Con motivo do Día Diocesano da Catequese, que se celebra o próximo 15 de marzo de 2026, IV Domingo de Coresma ou Domingo da Alegría (Laetare), o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, dirixe esta carta pastoral a todos os catequistas da diocese.

O arcebispo expresa o seu agradecemento pola entrega xenerosa de quen, en parroquias e comunidades, dedican o seu tempo e a súa vida á transmisión da fe. Ao mesmo tempo, lembra a importancia esencial da catequese na misión evanxelizadora de la Iglesia e subliña o papel insubstituíble que os catequistas desempeñan nos procesos de iniciación, maduración e crecemento na vida cristiá.

Baixo o lema “Tempo de misión, tempo de catequese”, a carta convida tamén a mirar con esperanza o futuro da catequese na diocese, sinalando algúns retos pastorais especialmente significativos: o desenvolvemento da catequese con adultos, o acompañamento dos catecúmenos que se preparan para o bautismo e a renovación da acción catequética no marco da nova organización pastoral das Unidades Pastorais.

Con palabras de ánimo e gratitude, o arcebispo anima aos catequistas para continuar a súa misión con alegría e fidelidade, lembrando que o seu servizo é un signo vivo da alegría pascual no medio da comunidade cristiá.

 

Día diocesano da catequese nas parroquias e comunidades
15 de marzo de 2026

“Tempo de misión, tempo de catequese”

Benqueridos catequistas:

O pasado 24 de xaneiro, a pesar das inclemencias climáticas, puidemos celebrar a Xornada de Catequistas de Galicia. Foi unha xornada de encontro, formación e oración compartida, na que moitos de vós desprazástesvos con xenerosidade para vivir un tempo de comuñón e renovación. Con esta xornada, e de modo particular na nosa diocese, quixemos celebrar o Día do Catequista, recoñecendo a vosa vocación imprescindible na vida da Igrexa.

A misión de transmitir a fe segue sendo hoxe una das tarefas máis necesarias e fermosas da comunidade cristiá. E nela os catequistas ocupades un lugar central. A vosa vocación posúe un profundo carácter laical e sinodal: nace do bautismo, vívese en comuñón coa Igrexa e exércese ao servizo do crecemento da fe dos demais.

Coincidindo co IV domingo de Coresma (15 de marzo), tradicionalmente chamado Domingo da alegría (Laetare), queremos lembrar e agradecer o primeiro e fundamental servizo que prestades na nosa diocese: a catequese. Sen catequese non hai verdadeira evanxelización. Sen ese acompañamento paciente e próximo, moitas persoas non poderían descubrir, comprender e madurar no don da fe.

Vós sodes, sen dúbida, o recurso humano máis grande e máis valioso que ten a Igrexa para esta misión. Grazas á vosa entrega silenciosa, xeración tras xeración de nenos, adolescentes, novos e adultos poden coñecer a Xesucristo e aprender a vivir como discípulos seus.

Por iso, neste Domingo da alegría, a nosa alegría é en certo xeito dobre. Por unha banda, porque se achega a Pascua do Señor, centro da nosa fe e fonte de toda esperanza. E, por outra, porque vós mesmos sodes signo vivo da alegría pascual, testemuñas do que a resurrección de Cristo é e significa na vida da comunidade cristiá.

Permitídeme, ante todo, expresar un profundo agradecemento. Grazas pola vosa presenza en tantos procesos de iniciación, maduración e crecemento na fe. Grazas polo tempo que dedicades a preparar os encontros, pola vosa paciencia cos nenos e adolescentes, por compartir os soños dos mozos e o camiño dos adultos, pola vosa proximidade coas familias e cos vosos párrocos, pola vosa dispoñibilidade para acompañar a quen busca a Deus.

Grazas tamén porque, en moitas das nosas parroquias, a vosa misión vai máis aló da catequese. Con frecuencia sodes presenza activa noutros ámbitos da vida parroquial: colaborades na liturxia, participades na acción caritativa, sostedes iniciativas pastorais e axudades a manter viva a vida comunitaria. En non poucos lugares, onde a realidade pastoral vólvese máis fráxil e escasa en recursos, sodes un verdadeiro sostén da comunidade cristiá.

Precisamente por todo iso quero tamén animarvos a mirar con esperanza o futuro e a acoller con xenerosidade os novos desafíos que hoxe se presentan á catequese. A Igrexa que camiña en Santiago de Compostela está a vivir un tempo de renovación pastoral. E neste proceso vós tedes un papel decisivo.

Quixese sinalarvos, de maneira especial, dous desafíos importantes. O primeiro é asumir con decisión a catequese con adultos, especialmente a catequese catecumenal dirixida a quen descobre a fe na idade adulta e desexan recibir o bautismo para incorporarse plenamente á vida divina e á comunidade cristiá.

Cada vez son máis as persoas que, despois dun camiño persoal de procura, chaman ás portas das nosas parroquias solicitando o bautismo. Isto é, sen dúbida, un inmenso don de Deus para a Igrexa, pero tamén unha gran responsabilidade pastoral. Algúns de vós xa estades a prestar o voso servizo neste ámbito. Con todo, fan falta máis catequistas que poidan acompañar estes procesos con proximidade, formación e testemuño de vida. Oxalá que, en coordinación coa Delegación para o Catecumenado, podamos responder a esta fermosa tarefa. Trátase dunha misión particularmente delicada e nova, que require unha especial dispoñibilidade e unha formación adecuada, pero que tamén é profundamente fecunda para a vida da Igrexa.

O segundo desafío consiste en seguir renovando as nosas catequeses. E non só no ardor, nos métodos ou nas linguaxes —algo que moitos de vós xa vides facendo con creatividade e dedicación—, senón tamén adaptándoas á nova organización pastoral das UPAS.

Este camiño implica algúns cambios importantes. En primeiro lugar, unificar criterios na catequese, seguindo as orientacións diocesanas. Estamos a traballar para ofrecer proximamente un novo Directorio Diocesano para a Pastoral da Iniciación Cristiá, que ofrecerá orientacións e propostas adaptadas aos desafíos do noso tempo. En segundo lugar, será necesario crear sinerxias entre parroquias: reunir grupos de catequeses cun número suficiente de nenos, organizar actividades comúns, compartir experiencias e métodos, e asumir xuntos novos proxectos pastorais.

Todo iso abre ante nós un horizonte fermoso e esperanzador. Estou convencido de que a catequese pode e debe desempeñar un papel fundamental na reorganización pastoral do noso territorio diocesano.

Tanto un como outro desafío supoñen recoñecer e fortalecer o ministerio eclesial dos catequistas. Quizais algúns de vós sentistes no voso corazón unha chamada máis profunda a este servizo. Talvez chegou o momento de discernir, xunto cos vosos párrocos e os equipos de pastoral, a posibilidade de dar un paso adiante e ser instituídos como ministros catequistas, para poñer os vosos dons e carismas ao servizo desta misión tan necesaria.

Deste xeito poderedes contribuír de maneira estable tanto ao acompañamento dos catecúmenos adultos, como á consolidación dun modelo renovado de catequese, adecuado á realidade pastoral das nosas Unidades Pastorais.

Queridos catequistas: grazas pola vosa fe, pola vosa entrega e polo voso amor á Igrexa. Que o Señor vos conceda seguir servindo con alegría, esperanza e fidelidade, e que María, Nai da Igrexa e primeira discípula, acompáñevos sempre nesta fermosa misión de transmitir a fe.

Envíovos un cordial saúdo no Señor, ao que presento unha oración agradecida e confiada por todos e cada un de vós.

Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela

Carta Pastoral (PDF)

Previous articleO arcebispo preside en Santiago o primeiro escrutinio dos catecúmenos no seu camiño cara ao Bautismo
Next articleA directora de Cáritas Diocesana, Pilar Farjas, recibe o recoñecemento «Mulleres de Compostela 2026»